Coas cousas que son necesarias para mellorar a vida da cidadanía, hai que ver como os partidos se dedican a outras cousas por dous motivos: para desviar a atención sobre temas, nalgúns casos xudiciais, noutros por falta de proxecto, e a máis importante para eles, conseguir votos e alcanzar o maior número de deputados que os leven á Moncloa. Obxectivo prioritario dos que encabezan as listas electorais nas eleccións xerais.
Estes días intensos —cando non o son desde hai anos?— os dous grandes partidos, especialmente o PP, por iso de que Vox está a comerlle terreo, sácanse da chistera cada día unha “proposta” nova para demostrar que poden gobernar este país, custe o que custe. Para iso, cada dous por tres montan conclaves cos seus presidentes das comunidades autónomas onde gobernan, dirixentes territoriais, á parte dalgúns dos seus “dianteiros mediáticos” que axudan a botar máis leña ao lume nas súas declaracións aos medios de comunicación.
Murcia foi o territorio elixido este domingo para o novo encontro de propostas populares. Non foi casual elixir esta cidade porque o tema estrela, o que ocupa o segundo lugar nas preocupacións dos cidadáns, é a inmigración, e todos lembramos os tristes sucesos de Torre Pacheco. Por iso, o líder popular, Alberto Núñez Feijóo, presentou un documento asinado e subscrito por todos os presidentes, chamado “Declaración da Rexión de Murcia”, que quere ser a bandeira da loita contra a migración ilegal e a criminalidade. Porque, como é coñecido, unha boa parte de dirixentes populares (Vox, por suposto, todos os seus dirixentes) relacionan inmigrantes con ladróns, violadores ou gandulos.
E como o “neno de Vos Peares”, como se lle coñece a Feijóo, explicaba aos seus compañeiros en que consiste a súa proposta migratoria por puntos: dar prioridade á cultura próxima, con contrato de traballo e facilidade para a súa integración. Ademais, contempla a expulsión de inmigrantes que cometan delitos. Para seguir explicando que o seu plan endurecería as sancións para aqueles inmigrantes que executen delitos graves, o que suporía a perda automática do permiso de residencia. O texto de máis de 35 páxinas segue con esas propostas, moitas das cales, aínda que populistas, deixan en evidencia a súa xenofobia camuflada, en prol de conseguir sacar tallada e restar votos aos de Vox.
Feijóo subliñou que o seu plan endurecería as sancións para quen incumpran a lei. Segundo detallou, os delitos graves implicarían a perda automática do permiso de residencia, mentres que os reincidentes en delitos leves tampouco poderían aspirar a permanecer en España. Ademais, defendeu que as axudas sociais, como o Ingreso Mínimo Vital (IMV), deban vincular á procura activa de emprego, evitando que se convertan na única vía de subsistencia para quen cheguen ao país. Escribía Camilo José Cela que “o malo de quen se creen en posesión da verdade é que, cando teñen que demostralo, non acertan nin unha”.
O debate dos populares en Murcia estivo marcado polas súas críticas ao goberno, como sempre, e tamén ao seu inimigo electoral Vox, o partido que, sen achegar nada, segue subindo con tan só criticar a Pedro Sánchez e ao PP.
Mentres todos os asistentes estaban encantados de estar alí, nese conclave estaba o presidente da Comunidade Valenciana, Carlos Mazón, que, mentres as previsións de fortes choivas na súa comunidade coñecíanse de antemán, non deixou a reunión, senón que continuou coma se non pasase nada. Que mala memoria ten Mazón: coa boa uva que hai na comunidade, haberá que regalarlle pasas…
O que si suscitou, como era de esperar, son voces críticas contra as propostas, cousa que xa esperaban os populares.
Escribe o teu comentario