"Cans", "mouros", "vota Vox"; máis pintadas no PSOE de Lugo, que alerta do avance do fascismo
Hai unha semana lanzaron cócteles molotov contra o centro que acollerá aos inmigrantes en Monforte. Aos poucos días vandalizaron a sede do PSOE en Lugo con pintadas, grafittis que esta noite volveron pintar nun ton máis ameazante. Os socialistas
A sede do PSOE de Lugo foi obxecto este sábado dun novo acto vandálico, con varias pintadas con mensaxes que apelan á ultradereita, uns feitos que os socialistas condenaron, á vez que alertan dunha "escalada de violencia política".
Deste xeito, nun comunicado, o PSOE provincial de Lugo denunciou con "absoluta rotundidade" este novo ataque, rexistrado poucos días despois da anterior pintada que apareceu no edificio.
Segundo indican, nesta ocasión, os autores estenderon as pintadas tamén aos baixos comerciais situados á beira da sede, o que provoca un "prexuízo directo" aos veciños e supón un "salto cualitativo na gravidade dos feitos".
O PSOE denuncia que as novas inscricións mostran un contido "moito máis grave" que o da semana pasada, con mensaxes que apelan abertamente ao "fascismo e á ultradereita". "Vox é a salvación", "Vota Vox 2027", "Cans" ou "Falanxe", indican as pintadas que, segundo o PSOE, "convértense nun ataque directo á democracia e nun novo intento deliberado de sementar o odio, intimidación e división social".
Os socialistas consideran que ten lugar "unha escalda intolerable de violencia política e de odio", que "non só pretende agredir ao PSOE como organización, senón pór en cuestión os principios básicos da democracia, a convivencia e a liberdade de expresión, afectando, ademais, á vida cotiá da cidadanía".
"ATAQUES REITERADOS"
A vicesecretaria xeral e responsable de Organización do partido na provincia, Pilar García Porto, advertiu de que o que se viven son "ataques reiterados contra un partido democrático de goberno, con máis de 140 anos de historia ao servizo da sociedade".
Porto sostén que a "reiteración desta feitos mostra un patrón organizado de violencia política". "Non é unha casualidade nin un feito illado: trátase dunha estratexia de odio alentada pola extrema dereita, que busca normalizar a crispación e a intolerancia e que rexeitamos con total firmeza", manifestou.
O PSdeG, que crítica a "covardía" de que quen leva a cabo estes feitos, avanzou que adoptará as medidas legais correspondentes e trasladará o sucedido ás autoridades competentes. "Estamos ante un atentado inaceptable nun estado democrático, e non se pode tolerar nin un só ataque máis baseado no odio e a intolerancia", conclúe o PSOE.
Escribe o teu comentario