Unzué perde a Hugo Mallo por lesión para o partido contra o Alavés
O parte médico do Celta revela que ten "unha dor limitante". O míster busca "ter o control" do encontro.
Hugo Mallo, baixa por lesión. Foto: RC Celta
Dous nomes destacados do Celta que non estarán contra o Alavés en Mendizorroza este sábado, pero por distintos motivos: Hugo Mallo e Lucas Boyé. O capitán, por lesión, e o novo dianteiro, porque aínda se presenta o luns á afección.
Segundo o parte médico do Celta, Hugo Mallo sofre un traumatismo nun dedo do pé "que lle xera dor intensa actualmente e é limitante", aínda que "en radiografías descartáronse fracturas".
Sobre o encontro falou este venres Unzué. O técnico pídelles aos seus "ter a posesión, sendo fortes en actitude e en capacidade de defender", para superar as características do rival.
"Espero ter o control e facer un partido que nos conveña", manifestou Unzué. O míster defendeu que o equipo vasco non llo poñerá sinxelo: "Vinos competir, mesmo cando perderon, plantando cara a rivais de máximo nivel e facerlles partidos moi incómodos". Precisamente, o Alavés foi o verdugo do Celta na pasada edición da Copa en semifinais.
Neste encontro non estará Lucas Boyé, que se presentou este venres ao celtismo a través da web do club. O novo dianteiro celeste charlou este venres coa televisión oficial do club tras asinar o seu contrato na sede social do RC Celta.
"Espero poder sumar desde onde me toque e non decepcionar a toda a xente que confiou en min para este novo desafío”, declarou Boyé nesta entrevista exclusiva a Celta Media.
El vese como "un dianteiro que pode adaptarse a calquera parte do ataque". Nas súas primeira horas en Vigo tivo sensacións “boísimas” e puido confirmar o que o seu compañeiro vigués no Torino, Iago Falqué, xa lle adiantaba: "Faloume moi ben da cidade, o lindo que é. Por iso tamén tiña ganas de vir", asegura.
Boyé, que chega cedido con opción de compra, presentarase ante os medios e o celtismo o vindeiro luns en Balaídos co dorsal nove na súa camiseta.
Escribe o teu comentario