​Os sindicatos recorrerán os servizos mínimos "inasumibles" da folga en xustiza

"Aumentáronos de forma totalmente inxustificada", reprochan. A Xunta defende que tivo en conta xurisprudencia anterior.


|

Funcionarios xustiza parlamentoOs sindicatos reuníronse con En Marea, PSdeG e BNG.


A Xunta aprobou a orde pola que se determinan os servizos mínimos esenciais ante a convocatoria de folga indefinida nos centros de traballo da administración de xustiza en Galicia a partir do 7 de febreiro. Os sindicatos avanzaron que os recorrerán por considerar que "son totalmente inxustificados".


"Hai xulgados, por exemplo na Fonsagrada ou Becerrerá, que terían que ter máis funcionarios dos que agora teñen para poder cumprir estes servizos mínimos", asegurou este venres o sindicalista Manuel Díaz, que atendeu aos medios en representación dos sindicatos SPJ-USO, AXG-CUT, UXT, CSIF, STAJ, CIG e CC.OO tras reunirse cos grupos de En Marea, PSdeG e BNG.


Así mesmo, criticou que tampouco "teñen nada que ver" cos servizos mínimos decretados para os anteriores paros realizados os días 1 e 3 de decembro e o 25 de xaneiro. "Aumentáronos de forma totalmente inxustificada", sinalou para defender que a "xurisprudencia tanto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) como as sentenzas do Tribunal Supremo (TS) non os amparan".


Pola súa banda, a Xunta, que lamenta que os sindicatos rexeitasen a proposta e abandonasen a reunión celebrada este venres sen ofrecer "ningunha alternativa", xustificou a necesidade destes servizos mínimos en "aras" de "asegurar o mantemento dos servizos esenciais da administración de xustiza e garantir a súa actividade para que a folga non cause prexuízos aos dereitos e intereses lexítimos dos cidadáns".


En concreto, nunha nota de prensa, o Goberno galego expresa que a "necesaria conciliación" entre o exercicio do dereito constitucional á folga e o mantemento dos servizos esenciais "obriga" á Xunta a "fixar uns servizos mínimos indispensables" para "garantir o servizo público".


Ademais, precisa que para a súa aprobación tívose en conta "a doutrina do Tribunal Constitucional e a xurisprudencia do TS existente na materia, así como os distintos procedementos do TSXG".


ACUSAN A RUEDA DE MENTIR


Manuel Díaz atendeu aos medios en representación dos sete sindicatos do Comité de Folga acompañado por representantes de todos os partidos da oposición, como Luís Villares (En Marea), Patricia Vilán e Gonzalo Caballero (PSdeG) e Luís Bará (BNG).


Na súa intervención, o sindicalista acusou ao vicepresidente da Xunta e conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, de "enganar á cidadanía" e de adoptar unha actitude de "irresponsabilidade total máis propia dun neno pequeno que dun conselleiro".


Así, en primeiro lugar, censurou que o vicepresidente sacase as negociacións do Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL), onde as partes dialogaban con "luz e taquígrafos" coa mediación da presidenta deste órgano. "O señor Rueda está a falar continuamente dunha reivindicación salarial e é falso", indicou.


Deste xeito, explicou que os sindicatos teñen cinco reivindicacións que se ten que "negociar no seu conxunto". Estas peticións, segundo indicou, pasan por eliminar os descontos que se lle fai en Galicia, a diferenza de en outras comunidades, aos traballadores por enfermidade transitoria; a cobertura de prazas de reforzos ou unha subida salarial.


Neste último punto, aseguraron que Rueda ofrece aos traballadores un incremento "impresentable" de "15 euros ao mes por funcionario". "É totalmente impresentable, son entre 200 e 300 euros por ano e Rueda está a multiplicalo por tres, ao dicir que nos ofrece entre 600 e 900", denunciou.


Con todo, Manuel Díaz deixou claro que os sindicatos están dispostos a negociar "ata o día 7" e lamentou que a actitude de Alfonso Rueda poida causar un "mal moi grande á sociedade galega" e aos "profesionais de xustiza" pola súa "irresponsabilidade".


relacionada Rueda apela á “responsabilidade” para garantir os servizos mínimos na folga de Xustiza
relacionada ​Rueda, sobre a folga na Xustiza: "aínda é factible chegar a un acordo"
relacionada O comité de folga de Xustiza reclama que a mediadora volva ás negociacións

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE