Só tres autonomías creceron menos que Galicia en 2017
O PIB creceu en Galicia un 2,8%, tres décimas menos que a media estatal.
O produto interior bruto (PIB) de Galicia creceu un 2,8% en 2017, cun incremento que foi do 0,6% no cuarto trimestre (respecto ao anterior).
Desta forma, o aumento de todo o ano situouse por debaixo da media estatal (3,1%), segundo a estimación da Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIReF) realizada coa metodoloxía METCAP.
Baleares e Murcia, cun crecemento do 3,7%, e Comunidade Valenciana, cunha alza do PIB do 3,6%, foron as comunidades autónomas que máis creceron o pasado ano.
Tamén por encima da media situáronse rexións como Canarias (+3,5%), Aragón e Navarra (+3,4% en ambos os casos), Cataluña e Madrid (+3,3% en ambos os casos) e A Rioxa, cun crecemento do 3,2%. Igualando a media (+3,1%) aparecen Andalucía e Cantabria.
O resto de comunidades creceron menos que o conxunto de España e o menor crecemento rexistrouno Estremadura, cun incremento do 2,1%, un punto por baixo da media nacional; mentres que Castela e León, cun 2,2%, foi a segunda que menos creceu en 2017, segundo a AIReF.
Asturias, cunha alza do PIB do 2,7%, e Castela-A Mancha, Galicia e País Vasco, as tres cun crecemento do 2,8%, tamén experimentaron un crecemento por baixo da media.
A AIReF publica os datos unha vez que o Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou o dato de avance trimestral do PIB de España, como ocorreu onte, cando adiantou que a economía española creceu un 0,7% no cuarto trimestre e un 3,1% no conxunto do ano.
Escribe o teu comentario