Mar espera que Bruxelas "reconsidere" eliminar o laboratorio de bivalvos
A conselleira Rosa Quintana apela a ter en conta "a experiencia de Galicia no ámbito das biotoxinas mariñas".
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, aínda apunta á posibilidade de que Europa "reconsidere a proposta de eliminación e distribución de competencias" do laboratorio de control bacteriolóxico de moluscos bivalvos.
Hai apenas unha semana, a conselleira acudiu a Bruxelas para reunirse cos responsables da DG Sante (responsable das políticas da UE sobre saúde e seguridade alimentaria) para abordar este feito, "e analizar posibles escenarios de futuro", segundo destacou a titular do departamento autonómico, durante a súa participación no almorzo informativo do 'Fórum Europa. Tribuna Galicia'.
"Expuxemos a experiencia de Galicia no ámbito das biotoxinas mariñas co obxectivo de que se tivese en conta no caso de que se reconsidere a proposta de eliminación e distribución de competencias deste laboratorio", explicou.
Así, reivindicou que o seu equipo non volveu "coas mans baleiras" porque, a maiores da "relevancia de que a parte máis importante do laboratorio encomendouse a Galicia", a DG Sante trasladou "a idoneidade de establecer un sistema de colaboración entre o laboratorio de referencia de Vigo e o Intecmar para sumar fortalezas e levar adiante" a dita tarefa encargada á comunidade galega.
A POLÉMICA
Ao redor deste laboratorio xerouse unha polémica en Galicia nos últimos meses despois de que a Xunta mostrase a súa intención de acollelo, ao ter que abandonar o seu emprazamento en Weymouth (Reino Unido) debido ao 'brexit'.
A oposición acusou a Quintana de "mentir" durante meses ao entender que o Goberno galego "nunca" realizou unha "solicitude formal", e a conselleira, nunha intervención a finais de decembro no Parlamento --na que responsabilizou a un comisario socialista lituano da supresión do laboratorio--, dixo que pediría explicacións en Bruxelas.
Finalmente, parte das probas de bivalvos dese laboratorio faranse en Vigo e establecerase ese "sistema de colaboración" entre Vigo e o Intecmar "para sumar fortalezas".
Escribe o teu comentario