O interior da ría de Pontevedra abre ao marisqueo case 20 anos despois
A auga da zona está agora menos contaminada, pero os bivalvos deberán pasar por unha depuradora antes de comercializarse.
Desde 1998 a zona estaba pechada.
A Consellería do Mar reabrirá ao marisqueo 19 anos despois a parte interna da ría de Pontevedra ao constatar unha mellora na clasificación microbiolóxica das augas da zona.
A parte comprendida entre Punta Praceres e o peirao de Lourido leva catalogada como zona C --pechada ao marisqueo-- desde 1998 e desde este venres o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) decidiu que pase a ser zona B --o produto pode comercializarse tras pasar por unha instalación depuradora--.
Así, o marisco extraído desta zona é apto para o seu consumo en fresco, "con todas as garantías de calidade e salubridade", segundo informa o Goberno galego, sempre que se someta a un proceso de depuración.
As zonas de produción de moluscos bivalvos clasifícanse como A, B ou C. No caso de zona A, os produtos poden acceder directamente ao mercado. En B, é necesario a depuración. E en zona C, só poden ir ao mercado no caso de que vaian para conserva ou tras unha reinstalación para un proceso de depuración natural.
Escribe o teu comentario