Miguel Tellado: "Os populismos de dereitas chámanse Ciudadanos"
O dirixente do PPdeG acusa ao partido laranxa de querer "ser o PP" e de carecer de "proxecto para Galicia".
Para Tellado, en Cataluña demostran que "non están á altura". Foto: @ppdegalicia
Ante o crecemento electoral que as enquisas lle outorgan a Ciudadanos, o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, cargou contra o partido ao que ve como un "artificio electoral" froito dunha "situación de crise xeneralizada" que ocupa o espazo dos "populismos de dereitas".
"Hai populismos de esquerdas e populismos de dereitas. Os populismos de esquerdas chámanse Podemos e os de dereitas, Ciudadanos", indicou este venres Tellado en Santiago de Compostela, onde visitou o espazo no que este sábado o PP celebrará a súa convención nacional de educación.
Así, Tellado acusou a formación que dirixe Albert Rivera de representar un modelo político "que di o que a xente quere escoitar", o que contrapuxo ao PP, un partido "que goberna para todos e pon solucións onde outros deixaron problemas".
Nesta liña, asegurou que Cs "non ten un proxecto para Galicia" porque "non coñece" os seus "problemas" nin as "solucións" a eles, polo que, a día de hoxe, Alberto Núñez Feijóo segue sendo "o mellor candidato" para os seus potenciais votantes, unha idea mantida polos populares durante a campaña das autonómicas de 2016.
"Cando non hai motivo para o xurdimento dos populismos, eses partidos que son populistas ocasionais deixan de ter razón de ser", incidiu, para logo acusar a Cs de pretender "ser o PP", "un partido con 40 anos de historia ao servizo do país".
"NON ESTÁN Á ALTURA"
Así as cousas, Tellado remarcou que lle "gustaría" que Cs mantivese "posturas construtivas" en "cuestións determinantes para o futuro do país" como a aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado.
Por último, o popular tamén afeou a actitude do partido laranxa en Cataluña, onde, a pesar de ser a primeira forza nas pasadas eleccións do 21 de decembro, non tentaron formar goberno pola maioría do bloque soberanista.
"Son a primeira forza política en Cataluña pero logo non presentan candidato a unha investidura nin a formar parte da presidencia do Parlament. Non están á altura da responsabilidade que lles outorgaron os cataláns", concluíu Tellado.
Escribe o teu comentario