O PP galego empeza por Vigo a campaña pola prisión permanente revisable
O grupo municipal presentará unha moción no próximo pleno.
O grupo municipal do PP no Concello de Vigo presentará unha moción no próximo pleno para que a corporación se pronuncie en favor de manter a pena de prisión permanente revisable, por ser unha "ferramenta útil" ante delitos "gravísimos" e servir de "garantía" á sociedade.
Así o manifestou a portavoz do grupo e presidenta do PP local, Elena Muñoz, nunha rolda de prensa na que estivo acompañada pola irmá de Déborah Fernández-Cervera (que apareceu morta no Rosal en 2002).
Segundo apuntou, a prisión permanente revisable, que agora volveu á palestra pública tras a detención do autor confeso da morte de Diana Quer, "é perfectamente compatible" coa Constitución española, e é unha figura similar á que teñen países europeos da nosa contorna. "Non é unha cuestión de vinganza, senón de xustiza para as vítimas como Diana Quer, Déborah, ou Marta del Castillo, e para as súas familias", incidiu.
Pola súa banda, Rosa Fernández-Cervera abundou na necesidade de manter esta pena para "separar" os autores de crimes graves da sociedade. Segundo apuntou, as penas para casos de asasinatos e homicidios son "irrisorias" e engadiu que, se a Policía consegue "capturar ao asasino" da súa irmá, non quererá que este reincida.
Finalmente, a preguntas dos medios sobre a reapertura do caso de Déborah (que a familia reclamou publicamente), Rosa Fernández-Cervera explicou que os seus representantes legais están "aínda preparando a parte xurídica" para presentar esa solicitude ante o xulgado, e recoñeceu que, aínda que a aparición do cadáver de Diana Quer e a detención do 'Chicle' "acelerou o proceso", levan un ano e medio solicitando documentación e non queren "precipitarse".
Escribe o teu comentario