A curtametraxe 'Matria' recibe o gran premio do xurado en Sundance
Álvaro Gago afirma que "é totalmente inesperado" este galardón na principal cita de cinema independente de EE.UU.
O galego Álvaro Gago, cuxa curtametraxe 'Matria' recibiu o gran premio do xurado no festival de Sundance (principal cita de cinema independente de Estados Unidos), asegurou que alzarse con este galardón foi algo "totalmente inesperado".
Aínda "moi atafegado" e "un pouco como no aire", Gago, en declaracións a Europa Press, mostrouse "extremadamente contento", tanto por Francisca Iglesias, que dá vida á protagonista, Ramona, como por todo o equipo.
"Manda truco que unha película poida viaxar a un lugar tan afastado e deixar un sinal", destacou. Neste sentido, celebrou que "esa é a grandeza" do cinema, que bota abaixo barreiras e ao final "todo son emocións", sexas da raza, a relixión ou a etnia que sexas.
'Matria' trata de visibilizar o "falso mito" do matriarcado en Galicia. "Hai anos eu mesmo o defendín, pero é irreal", resaltou este cineasta, despois de obter o gran premio do xurado en Sundance na categoría de curtametraxes.
BOA ACOLLIDA
Nun clima de forte reivindicación do movemento feminista en Estados Unidos, o director galego valorou a boa acollida que tivo a súa curta.
Tamén se mostrou agradecido polas numerosas reaccións que tivo a súa visionado por parte de distintos colectivos, entre eles nativos americanos que "tamén viven nunha sociedade supostamente matriarcal". "Identificáronse moito", dixo.
"CONTIDO POLÍTICO E SOCIAL"
Aínda que asegurou que o seu punto de vista é "bastante distanciado", de modo que non utiliza ferramentas que brinda o cinema para manipular o espectador e dirixilo cara a algunha conclusión, Gago non esconde que a súa obra "ten detrás un contido político e social".
Con todo, aclara que "non cho bota á cara", senón que "simplemente está aí", como unha realidade que lles afecta as mulleres e para "desmentir o falso mito do matriarcado en Galicia".
Escribe o teu comentario