Folga na recollida de lixo xusto antes do Entroido
Os traballadores convocan unha folga indefinida "despois dun ano e medio de negociación" sen froitos.
O comité de empresa de Ecourense Ute, adxudicataria do servizo de recollida do lixo en Ourense, ratificou este martes a convocatoria dunha folga indefinida desde o día 5 de febreiro ás 6 da mañá.
Nun comunicado, subliñan que a decisión se adoptou tras unha asemblea cos traballadores, que decidiu referendar unha folga que coincidirá co arranque das celebracións do Entroido co apoio do 95 por cento dos asistentes.
"Despois dun ano e medio de negociación, mesmo cun mediador solicitado ao Consello Galego de Relacións Laborais, foinos posible chegar a un acordo entre as partes", recollen, nun comunicado.
Noutra nota, CCOO cualifica de "inmovilista, intransixente e irresponsable" a actitude de Ecourense na mesa de negociación e critica os "incumprimentos" da entidade na prestación deste servizo público.
O comité demanda o incremento do IPC que o Concello lle aplica todos os anos á empresa "en función do que está estipulado nas plicas", desbloquear a conxelación dos pluses "que se arrastra por motivos da crise desde 2012, recuperar o sistema de antigüidades", e outras reivindicacións de carácter social e laboral.
Escribe o teu comentario