Ana Miranda tomará posesión do seu escano como eurodeputada en febreiro
A nacionalista formará parte do Grupo Verdes-Alianza Libre Europea.
Ana Miranda xunto a Ana Pontón.
A nacionalista Ana Miranda, que ata o momento exerceu como portavoz do BNG en Bruxelas, tomará posesión do seu escano como eurodeputada o próximo 28 de febreiro e ata o final da lexislatura en maio de 2019, dentro do Grupo Verdes-Alianza Libre Europea.
O Bloque Nacionalista Galego forma parte desde 2004 de ALE, formación política europea que integra as forzas nacionalistas. Así, Ana Miranda collerá a substitución a Josu Juaristi dentro da coalición 'Os pobos deciden', coa que a formación nacionalista concorreu ás pasadas eleccións europeas.
Desde o BNG lémbrase o traballo político que ata o momento xa desenvolveu Ana Miranda no Parlamento europeo "en defensa dos intereses de Galicia", vinculado á defensa da pesca artesanal galega, os incendios ou o espolio do "patrimonio do pobo galego por parte dos herdeiros do franquismo". O BNG reivindica tamén as xestións realizadas en torno ao sinistro do Alvia para esixir responsabilidades e o empeño posto para que Bruxelas tomase cartas no asunto.
A toma oficial do escano permitirá, así, "reforzar a capacidade de actuación política do Bloque para sacar adiante as cuestións do país", en particular "as vinculadas aos sectores produtivos estratéxicos como pesca ou agricultura, moi dependentes do que marca Bruxelas", en materia de medio ambiente, saneamento integral das rías, ENCE, a "eucaliptización" de Galicia ou a ampliación da Rede Natura galega.
Na mesma liña, o BNG pon de manifesto o seu batalla en Europa fronte aos tratados comerciais neoliberais, como o TTIP, de "impacto moi negativo para os intereses galegos", a súa reivindicación da posición de Galicia como nación sen estado, a denuncia da involución democrática do Estado español co recorte de liberdades da 'Lei mordaza' ou as reivindicacións dunha política de asilo e acollida de refuxiados digna.
Escribe o teu comentario