A caída de patentes en Galicia, síntoma dun retroceso en investigación?
Un experto sinala que a Lei de Patentes española constitúe "unha clara barreira" á entrada de novas solicitudes.
As solicitudes de patentes caeron un 22% en 2017 en Galicia, máis que a media en España, que descendeu preto dun 20%, segundo as estatísticas da Oficina Española de Patentes e Marcas (OEPM) recollidos por Isern Patentes y Marcas.
No conxunto de España, as solicitudes de patentes nacionais descenderon un 19,8% en 2017, ata as 2.285, co que acumulan nove anos consecutivos de baixadas. Trátase dunha caída maior que a rexistrada en anos anteriores, cando as solicitudes descenderon un 2% en 2016 e un 5% nos anos previos.
Ademais, só hai cinco comunidades autónomas que aumentaron as cifras con respecto a 2016: A Rioxa, Baleares, Navarra, Aragón e Castela e León.
No lado contrario, Asturias e Estremadura solicitaron a metade de patentes en 2017 que no ano anterior. En Andalucía, o descenso foi do 33,4%, mentres que en Comunidade Valenciana caeron un 29%, en Murcia un 26%, en Galicia e en Cataluña un 22%, en Canarias un 19,6% e en Madrid un 16,8%.
O enxeñeiro, avogado e axente de Patente Europea do departamento de Patentes de Isern Axel Perez, explicou que a tendencia negativa se debe, probablemente, "ao parón institucional, ecos da crise económica á que lle tiveron que facer fronte os pequenos inventores e pemes e á entrada en vigor da Nova Lei de Patentes", que constitúe "unha clara barreira" á entrada de novas solicitudes.
"En aras a atopar un lado positivo a este descenso e a que o mesmo non sexa a materialización dun retroceso da investigación e do desenvolvemento tecnolóxico, é posible que esta caída se vexa paliada por un aumento das solicitudes de patente europea de orixe española presentadas por grandes empresas", indicou.
O motivo sería que, ante a obrigatoriedade dun exame de novidade e actividade inventiva en España derivado da entrada en vigor da Nova Lei de Patentes, os solicitantes "prefiran optar por unha solicitude de patente europea, cuxa lexislación tamén presenta un exame obrigatorio pero de gran reputación internacional, que dotará de maior prestixio e atractivo á súa invención", sinalou Axel Perez, aínda que advirte de que se trata de "unha simple hipótese" que deberá ser confirmada tras a publicación dos datos definitivos que publique a Oficina de Patente Europea.
Escribe o teu comentario