​Dous días de peche no hospital de Ourense sen unha chamada da Xunta

O PSdeG levará ao Parlamento as demandas dos traballadores de que non se reduzan os presupostos do centro.


|

Hospital ourense firmasLevan recollidas 5.000 firmas. Foto: @Noelablanco

A deputada socialista Noela Blanco lamentou este venres que "ninguén do Goberno galego" se puxo en contacto coa Comisión de centro do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), a pesar de que leva 48 horas de peche para esixir que non se reduzan os presupostos do centro, e anunciou que a próxima semana levará o tema ao Parlamento galego.


Tras reunirse cos representantes dos traballadores, a deputada criticou a Feijóo por ser "o campión da demolición da sanidade pública en Ourense".


Para Blanco, a inauguración das novas instalacións do CHUO supuxo "un paso máis" no recorte de servizos aos pacientes ourensáns, que se suma á "redución de cirurxía pediátrica, a exclusión do servizo de hemodinámica ou a existencia de listas de espera inasumibles".


A socialista criticou que as novas instalacións son un "moderno edificio con wifi e xardín", pero no que os seus traballadores soportan "condicións decimonónicas e sobrecarga de traballo".


PLENO EXTRAORDINARIO EN OURENSE


Pola súa banda, o portavoz municipal do PSOE, Ángel Vázquez Barquero, confirmou a intención do seu grupo de pedir "un pleno extraordinario" que debata sobre a situación do CHUO e que estea aberto á participación do Comité de Centro e dos Colexios Profesionais afectados.


Vázquez Barquero insistiu na necesidade de trasladarlles "aos cidadáns e institucións" a "grave situación" que vive o Complexo Hospitalario "pola falta de medios e o colapso da xestión" das súas instalacións a pesar de que "o PP tenta ocultar de forma sistemática" esta situación.


A presidenta do Comité de centro, Asunción Maus, confirmou que nos últimos días recolleron 5.000 firmas de apoio ás súas reivindicacións por parte de traballadores e cidadáns, e explicou que "hai follas para solicitar firmas en case todos os concellos da provincia".


Maus explicou que "van seguir encerrados" para reclamar "que non se reduzan os orzamentos do CHUO por capricho de ninguén".



PRÓXIMAS MOBILIZACIÓNS


A responsable do Comité de Centro alertou sobre o perigo de que o centro hospitalario vexa reducidos os seus orzamentos porque "en cada unidade colocáronse 50 camas menos das anunciadas polo conselleiro nun primeiro momento".


Ademais do peche está prevista unha concentración o vindeiro mércores, ás 20,00 horas na Praza Maior de Ourense.


En caso de non chegar a ningún acordo, Maus anunciou que o próximo 4 de febreiro participarán nunha manifestación en Santiago de Compostela, organizada con colaboración coas plataformas autonómicas, que partirá desde a Alameda ao mediodía.


relacionada Unha semana para o traslado dos pacientes á ampliación do Hospital de Ourense
relacionada SOS Sanidade Pública acusa o PP de "desmantelar" Cirurxía Pediátrica en Ourense
relacionada Reclaman que a Fiscalía "comprobe que hai un abandono" en Cirurxía Pediátrica do CHUO
relacionada Pacientes de oncoloxía do CHUO denuncian atrasos de "ata dous meses" para un TAC

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE