A pisada dos mozos, un estudo que deixa pegada en forma de galardóns

|

AulasTecnopole


Unha gran idea, un bo apoio e unha mente brillante son a receita para lograr o recoñecemento da comunidade científica aínda que non se teña a maioría de idade. ‘E ti, como pisas?’ é un estudo sobre a forma de camiñar dos mozos atendendo á forma coa que pisan o chan. Un estudo que reportou o segundo premio no certame ‘Novos Investigadores’ á súa autora, Iria Oleiro, alumna das Aulas Tecnópole e estudante de 2º de Bacharelato no IES As Lagoas, en Ourense. Ademais, a nova galega xa fora galardoada co primeiro premio na categoría Biomedicina e Saúde do evento Ciencia en Acción 2017, celebrado o pasado mes de outubro en Euskadi.


Este é o oitavo premio que Iria Oleiro acumula desde que comezou a asistir fai catro anos ás Aulas Tecnópole, a iniciativa promovida por Parque Tecnolóxico de Galicia, co apoio da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta, para incentivar as vocacións científicas e innovadoras entre os mozos a través do desenvolvemento de proxectos co apoio de titores expertos.


Do estudo de Iria, realizado durante o último ano, despréndese que un 88% dos adolescentes pisa incorrectamente, cunha mala distribución do peso corporal, e, ademais, a maioría (74%) non é consciente do seu problema. Sobre unha mostra de 33 persoas de entre 11 e 18 anos, a moza investigadora levou a cabo un exhaustivo análise consistente nunha enquisa e catro probas realizadas con tecnoloxías desenvolvidas por ela mesma. Coa primeira, obtivo o negativo da pisada de cada persoa para ver con que parte do pé exercía maior presión. A segunda permitiulle coñecer a distribución do peso corporal do individuo nos pés. Coa terceira puido ver a pegada dixitalizada de cada persoa grazas a unha placa electrónica. E a cuarta permitiulle a través dun sensor, medir a tensión muscular no tendón de Aquiles.


Os resultados das diferentes probas desvelaron que un bo número de adolescentes exercen moita presión co dedo gordo, o que pode ocasionar moitos problemas co tempo. Ademais, dos suxeitos da súa mostra, o 54% ten o pé cavo, o 19% plano e só o 27% un pé normal.


“Desde sempre tiven moito interese polos pés e a pisada porque nacín cunha malformación nos meus”, declara Iria ao ser cuestionada pola orixe da idea do seu proxecto. Ademais, recoñeceu que o seu participación nas Aulas Tecnópole “foi fundamental para levalo a cabo. Permitiume coñecer o método científico e ter o apoio continuado do meu titor, David Ballesteros”.


Iria, que de fronte ao futuro está a considerar dedicarse á investigación no ámbito da saúde, conseguiu desde que asiste ás Aulas Tecnópole o 2º Premio Luís Freire, catro recoñecementos na maior feira científica a nivel estatal ( Exporecerca) e un terceiro premio no anterior certame de Mozos Investigadores. Os traballos que lle valeron estes galardóns foron un kit de baixo custo para realizar prácticas de xenética e un sistema electrónico de alerta temperá que permite minimizar os efectos das riadas sobre a poboación en risco, ambos os realizados en equipo con outros estudantes das Aulas Tecnópole.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.
Cabecerarecomendadosgal 2
Cabeceraultimahora 2
Cabeceralomasleidogal 1


Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress