O PPdeG di que non aproveita o caso de Diana Quer para a prisión permanente revisable
Os populares impulsan na Cámara galega a súa iniciativa para pedir que non se derrogue.
Unha petición en internet colleu impulso hai unha semana.
O grupo parlamentario do PPdeG rexistrou unha proposición non de lei na Cámara galega en apoio á figura xurídica da prisión permanente revisable e para instar aos partidos do Congreso dos Deputados a que retiren a súa solicitude de derogación da norma.
Diso deu conta este luns, en comparecencia de prensa, o portavoz dos populares no Pazo do Hórreo, Pedro Puy, quen negou que o PP "aproveite" o caso Diana Quer para reabrir o debate.
Así, Puy xustificou que os populares están a promover iniciativas no Congreso dos Deputados, nos parlamentos autonómicos e nos concellos para conseguir frear a derrogación da medida, apoiada na Cámara baixa por todos os os grupos da oposición.
Así as cousas, desvinculou esta campaña das "situacións tristes" derivadas do desenlace do caso Diana Quer. Con todo, coincide esta campaña cunha iniciativa neste sentido impulsada no portal Change.org á que a nai da moza lle deu difusión hai algo máis dunha semana.
Pedro Puy xustificou o apoio do seu grupo á norma --que como lembrou está avalada polo Tribunal de Dereitos Humanos da UE e o Tratado de Roma-- porque entende que as persoas que cometen determinados "crimes de especial importancia", "non deben volver á sociedade" ata que estean "reinsertados". O partido mesmo distribuíu un argumentario interno neste sentido.
Escribe o teu comentario