Aspas di que non lle chamou "negro de merda" a un futbolista do Levante
"Non vou reproducir o que el me dixo a min. En calquera caso, eu non lle chamei o que el me atribúe", sostén o xogador do Celta.
Tras a vitoria do Celta ante o Levante no Ciutat de València, o futbolista celeste Iago Aspas foi sinalado por, supostamente, dirixir comentarios racistas a un xogador do cadro valenciano durante a disputa do partido. O dianteiro respondeu a estas graves acusacións a través do club vigués.
“O que se di no campo, queda no campo. Por iso non vou reproducir o que el me dixo a min. En calquera caso, eu non lle chamei o que el me atribúe”, asegura Iago Aspas.
O xogador local Jefferson Lerma denunciou nos micrófonos de GOL que Iago Aspas lle chamara "negro de merda". "Quero facer unha denuncia. Aspas díxome negro de merda, e iso non pode ser", expresou. "As cámaras están aí e descubrirase", insistiu o futbolista do Levante.
O Celta remarca nun comunicado "a súa firme defensa do xogo limpo e o respecto entre rivais, tanto dentro como fóra do campo, valores que son aceno de identidade do club e que día a día poñen en práctica cada un dos conxuntos celestes, do benxamín ao primeiro equipo".
Escribe o teu comentario