"6 explosións diarias" na mina de Touro deixarían "unha paisaxe propia de Marte"
A eurodeputada Lídia Senra acompaña a mobilización social para frear o proxecto.
A eurodeputada Lídia Senra, do grupo confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), realizou un chamamento á mobilización social continua para frear o proxecto da mina de cobre en Touro-O Pino, porque "vai destruír máis que beneficiar".
No marco da xornada 'A mina de Touro-O Pino, un problema de todos e todas', celebrado no Hotel Bello do Pino, a eurodeputada por AGEe instou a conseguir que as institucións galegas, estatais e europeas se posicionen en contra da mina a ceo aberto que a empresa 'Cobre San Rafael S.L.', participada por Atalaya Mining, pretende explotar e que supoñerá, sostén, que "vai acabar con máis postos de emprego dos que vai crear".
Na xornada, organizada por Lídia Senra e a 'Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino NON', a presidenta desta entidade, Isabel García Vila, resaltou que o proxecto de "mega mina" pretende "explotar 2.000 hectáreas de terreo nun inicio", cunha "media de 6 explosións diarias", e que prevé alcanzar os "122 quilómetros cadrados de terreo", unha superficie maior que toda a localidade de Touro".
Lídia Senra engadiu que é "fundamental" que haxa información e se divulguen as "mentiras que as empresas e as Administracións adoitan contar sobre este tipo de proxectos".
Así, referiuse a "intereses por parte do capitalismo de apropiarse dos recursos en xeral e os mineiros en particular, non só na terra senón tamén no mar", no que tacha como "un ataque en toda regra á alimentación, porque os alimentos veñen do campo e do mar".
PAISAXE MARCIANA
Senra comprometeuse a seguir "loitando" en Bruxelas e Estrasburgo para evitar o avance do proxecto mineiro, e lembrou a súa intervención no pleno do Parlamento Europeo o pasado ano para denunciar posibles verteduras de residuos perigosos e sen control, que os veciños da zona sospeitan que se poden producir nas cascalleiras da antiga mina.
Pola súa banda, a presidenta dá a Plataforma, Isabel García Vila, que denunciou que a zona se "converterá nunha paisaxe propia de Marte", alertou que "o aire, a auga e o po chegan a todas partes, por iso non é só un problema dos municipios nos que se pretende instalar a mina". Lamentou que a Xunta lle "dea facilidades a quen pretende desfacer" o Medio Rural.
RIQUEZA FRONTE A DIÑEIRO
Na xornada tamén interveu a doutora en Bioloxía e membro da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), Aurora Puentes, quen lembrou que a entidade xa reclamou un estudo de impacto ambiental rigoroso no que figuren as concentracións de metais perigosos, o perigo dos residuos mineiros, a análise do impacto da mina sobre a poboación, o tecido produtivo ou os espazos naturais protexidos.
"Non se trata de riqueza senón de diñeiro, hai unha gran avaricia por parte das grandes empresas", engadiu a bióloga, que instou a que se "extraian máis metais" e a "utilizar mellor" dos que xa se dispón.
Na xornada informativa tamén participou Miguel Ángel Collado Aguilar, doutor en Historia da Universidade de Huelva e veciño de Nerva, que explicará a experiencia vivida en Riotinto. Así mesmo, tomaron parte membros da 'Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños', a 'Sociedade Coluna Sanfins de Lousame' e 'ContraMINAcción', o Sindicato Labrego Galego ou a Coordinadora Animinas de Xanceda.
Escribe o teu comentario