Un ciclo de cinema itinerante con películas nomeadas aos Goya fai parada en Arteixo
Gas Natural Fenosa impulsa esta iniciativa gratuíta para o público que circula durante mes e medio.
Presentación da undécima edición. Foto: Academia do Cinema
'Handia' (13 nomeamentos aos Goya), 'Verano 1993' (8 nomeamentos), 'Abracadabra' (8 nomeamentos), 'Verónica' (7 nomeamentos) e 'Tadeo Jones 2. El secreto del Rey Midas' son algúns dos títulos nomeados ao Goya que viaxarán por España co Ciclo Gas Natural Fenosa de Cine Itinerante Premios Goya 2018. A iniciativa impulsada pola compañía enerxética e a Academia de Cine fará parada en dez cidades, entre o 12 de xaneiro e o 24 de febreiro, segundo informou a compañía.
Así mesmo, Antonio de la Torre (Nomeado a Mellor Actor Protagonista por Abracadabra), Paco Plaza (Nomeado a Mellor Dirección e Mellor Guión Orixinal por Verónica) e Pablo Berger (Nomeado a Mellor Guión Orixinal por Abracadabra), entre outros, acompañarán ás películas desta edición. A eles sumaranse os intérpretes Sandra Escacena, Bruna Cusí, Joseba Usabiaga, Enrique Gato e Eneko Sagardoy.
O ciclo, que permite gozar dunha maneira gratuíta e en pantalla grande do "mellor cinema nacional de 2017", pasará, nesta undécima edición, por Illescas (Toledo), Ponferrada (León), Irún (Guipúscoa), Sant Antoni de Portmany (Eivissa), Arteixo (A Coruña, o 27 de xaneiro), Orihuela (Alacante), Huelva, Castrillón (Asturias), Santa Cruz de Tenerife e Vilanova i la Geltrú (Barcelona).
Ademais, a compañía enerxética produciu a través de Cinergía a película 'Proyecto Tiempo' da cal se proxectará a primeira parte, 'El Juego', en cada sesión do ciclo.
Escribe o teu comentario