O primeiro tren de gas natural licuado comeza a funcionar en probas
Reganosa convértese na porta de entrada en España dun xacemento ruso.
Renfe comezou este luns en Asturias a realizar probas co primeiro tren que circulará en todo o mundo propulsado con gas natural licuado, co fin de poder verificar a viabilidade do vehículo para que preste servizo comercial na rede de proximidade de vía estreita da rexión.
No proxecto, ademais da compañía ferroviaria pública, participan Gas Natural Fenosa, Enagás e Bureau Veritas. O seu obxectivo é comprobar tamén as súas vantaxes ambientais e económicas co fin de substituír tráficos que actualmente se realizan con tracción diésel en España.
A promoción deste tipo de vehículos ferroviarios enmárcase no plan de descarbonización e eficiencia enerxética de Renfe e Adif, así como na estratexia de impulso do Vehículo con Enerxías Alternativas (VEA) en España 2014-2020. Tamén está en liña cos obxectivos da futura Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética que prepara o Goberno.
Así, ademais de continuar coa electrificación do tren tamén se estima conveniente apostar por alternativas, entre as que o gas natural presenta as "mellores condicións" para protagonizar unha transición "segura e eficiente no curto prazo, por motivos de dispoñibilidade, prezo e estabilidade".
LOCOMOTORA MODIFICADA PARA GNL
As probas realizaranse nun tren autopropulsado do parque diésel da extinta Feve nun tramo duns vinte quilómetros de lonxitude. Para iso, substituíuse o motor diésel dunha das dúas unidades automotoras do tren por outro que consome gas natural para a súa propulsión e instaláronse os depósitos nos que se almacenará o GNL xunto cos elementos auxiliares necesarios.
Entre as potenciais vantaxes do gas natural como combustible ferroviario figuran a redución das emisións de óxidos de nitróxeno (NOx), óxidos de xofre e CO2, así como a contaminación acústica.
Desde o punto de vista económico, o minsiterio de Fomento sostén que pode contribuír a reducir custos operativos por un mellor escenario de prezos xeral respecto dos combustibles derivados do petróleo, reducir a dependencia enerxética desta fonte e ofrecerse como alternativa ao investimento en electrificación de tramos non electrificados.
DESEMBARCO DE GNL EN FERROL
A terminal de Reganosa no Porto de Ferrol acolle desde este domingo o desembarque da primeira partida de gas natural licuado (GNL) que chega a Europa continental desde a península siberiana de Iamal, onde a nova planta de licuefacción entrou en servizo o pasado mes de decembro.
Segundo informou Reganosa, a súa terminal é "a máis próxima a Iamal das que operan na Península Ibérica", ante o que destacou a "idoneidade de Galicia" para recibir as exportacións desta nova planta, que "poderá expedir anualmente ata 16,5 millóns de toneladas de GNL".
Desde Iamal, o GNL sae a bordo de gaseiros rompexeos en dirección a Gate (Holanda), onde se fai o transvasamento. Así, pásase a un metaneiro convencional, neste caso o 'Clean Ocean', que á súa vez se traslada ata a terminal de Reganosa no Porto de Ferrol.
Escribe o teu comentario