Andone rescata un punto para sacar o Dépor do descenso
(1-1). O Dépor volveu rascar un punto importante no Estadio da Cerámica.
"Animicamente vénnos moi ben", declarou Mosquera. Foto: RC Deportivo
O Dépor volve sacar proveito dunha visita ao Estadio da Cerámica. O 1-1 deste domingo contra o Vilarreal sérvelle para saír dos postos de descenso.
Andone conseguiu no 84 o gol do empate, tas verse o equipo a remolque desde a media hora de xogo, cando outro desaxuste defensivo lle volveu custar un tanto a pesar de que fixera máis méritos que o rival. Unha historia que xa lle vai soando ao deportivismo.
Cristóbal Parralo manifestou na sala de prensa do Estadio da Cerámica estar "satisfeito" co empate "tal e como se puxo o partido". "O resultado é xusto. Fixemos méritos para non irnos sen carga", matizou.
Comenta que "na primeira media hora estivemos bastante ben. A raíz do gol deles si é certo que estivemos un pouco dubitativos e custounos reaccionar. O adestrador recoñeceu que "o equipo hoxe competiu", para mostrarse "moi contento coa entrega e o sacrificio".
Pola súa banda, Andone indicou que "para nós é un punto moi importante porque é empezar o ano con confianza nun estadio moi complicado". Sobre a súa titularidade, a primeira desde a chegada de Cristóbal ao banco deportivista, reivindicou que "estou moi contento por poder axudar ao equipo, que se saiba que eu estou aí, para traballar ao máximo polo ben do equipo".
O capitán deportivista Pedro Mosquera destacou que o equipo "fixo un partido moi serio defensivamente, pelexou moitísimo". Sinalou, tamén, a importancia para a moral do equipo: "Estivemos metidos no partido os 90 minutos e logramos un punto que animicamente vénnos moi ben".
Escribe o teu comentario