Mosquera dá a cara pola prima do derbi: "Foi un comentario que fixen eu"
"Para min gañarlle ao Celta é unha das cousas máis importantes nesta vida", xustifica un dos capitáns do Dépor.
Mosquera xustifica "un comentario distendido". Foto: RC Deportivo
Un dos capitáns do Dépor, Pedro Mosquera, sae a dar a cara pola polémica coa prima económica polo partido contra o Celta. "Foi un comentario que fixen eu", revelou este venres á prensa.
Mosquera, con todo, lamenta que "se lle está dando moita importancia" e que é algo habitual en partidos importantes, tal e como expresou o xoves Tino Fernández. "Os xogadores non pediron formalmente nada", explicou, xustificando que "pensaba que era un partido importante para nós e nun comentario distendido fixen esa petición".
O capitán branquiazul manifesta que "o compromiso do cadro branquiazul é total". O seu propio, igual: "para min como deportivista gañarlle ao Celta é unha das cousas máis importantes nesta vida".
Sobre o partido ante o Villarreal, Mosquera apelou a "dar ese pasiño máis, tentar encaixar menos e ter maior consistencia no xogo". Por iso quixo "acougar as cousas" e pedir unidade do vestiario.
"É un bo momento para ir alí", dixo o xogador. E é que no vestiario lémbranse as últimas visitas, que serviron para asinar a permanencia. Ademais, destacou que os amarelos "teñen bastantes baixas: Bakambu, Trigueros... Obviamente será un partido difícil pero creo que temos opcións de gañar".
Escribe o teu comentario