Só na Coruña hai case 100 persoas ingresadas por gripe, seis na UCI
Nas últimas dúas semanas ingresaron desde urxencias unha media de 70 persoas diarias.
En dúas semanas, máis de 1.000 persoas ingresadas.
Un total de 94 persoas permanecen ingresadas no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) polo virus da gripe, das cales seis se atopan na Unidade de Coidados Intensivos.
A Xunta destaca nun comunicado o "importante aumento" no número de atencións rexistradas nas últimas semanas polo servizo de urxencias do Chuac.
En concreto, nos últimos 15 días, o número de persoas ingresadas nestes hospitais coruñeses desde o servizo de urxencias ascendeu a 1.043, o que se corresponde cunha media de 70 ingresos diarios.
En porcentaxes, o 21 por cento dos pacientes atendidos por urxencias tivo que ser ingresado, fronte ao 16 por cento que, segundo datos da Xerencia de Xestión Integrada da Coruña, é a "media habitual".
Con todo, a Xunta defende que todos os pacientes que necesitaron hospitalización teñen unha cama asignada, posto que "o cento por cento das camas de todos os centros que compoñen o Chuac están operativas (...), tanto nos servizos de medicina interna coma de urxencias", asegurou.
Escribe o teu comentario