Un xulgado reproba a privatización dos parques de bombeiros da Deputación
A CIG, que presentou o recurso, vaille ofrecer " un acordo" á Deputación sobre os catro parques comarcais.
O Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Ourense confirmou a existencia dun "vicio ou defecto de forma" no procedemento de privatización dos catro parques comarcais de bombeiros de Ourense.
O xuíz apunta que, no canto de producirse unha negociación colectiva previa á concesión, a negociación das condicións dos traballadores realizáronse a través do Consorcio Provincial para o Servizo contra Incendios.
Aínda que a sentenza feita pública polo sindicato non tomba a concesión deste servizo (adxudicado á empresa Veicar SL. en setembro de 2016 por un importe de 17,5 millóns de euros) abre a posibilidade de que a CIG poida presentar unha "revisión de oficio" da resolución de adxudicación do contrato.
O secretario de Organización e Finanzas da CIG, Anxo García, explicou que "antes" de calquera posible decisión o sindicato vaille ofrecer "un acordo" á Deputación de Ourense, responsable do Consorcio Provincial do Servizo contra Incendios, aínda que aínda non están establecidos os termos deste posible acordo.
DEREITOS DOS TRABALLADORES
A sentenza "estima en parte" o recurso presentado polo sindicato contra o acordo tomado no pleno do Consorcio Provincial de Ourense para a prestación do servizo de incendios o 21 de abril de 2016 no que se aprobou o expediente, os pregos, cláusulas e a convocatoria de licitación pública para a privatización deste servizo.
Considera que existe "un defecto de forma" porque a concesión se produciu sen que se constituísen mesas negociadoras entre os representantes dos traballadores e os directivos dos consorcios comarcais que pasaban a ser privatizados (Carballiño, Verín, Valdeorras e Xinzo), nin do consorcio provincial.
Abunda en que se vulnerou o artigo 44,9 do Estatuto dos Traballadores, ao impedir que os representantes sindicais puidesen negociar as condicións de transferencia de traballadores á nova empresa contratista, así como as súas condicións laborais.
Nesta liña a sentenza incide en que foi o Consorcio Provincial (e non a empresa contratista) quen "directamente impuxo esas condicións laborais sen posibilidade de negociación colectiva, previa consulta".
Así, o maxistrado estima que "existe unha vinculación entre os traballadores afectados e a Administración consorcial provincial". Para Anxo García esta afirmación supoñen que os 70 traballadores afectados por esta privatización "pasan a formar parte 'ipso facto' do Consorcio provincial", non da empresa adxudicataria.
ABRE POSIBILIDADE DE ANULACIÓN
Ademais, considera que esta "sentenza complicada" abre varias posibilidades que o sindicato "terá que analizar", como a posibilidade de solicitar a revisión de oficio da nulidade da adxudicación tras a anulación do procedemento de contratación. Tamén se estudará a posibilidade de "presentar unha demanda contra o Consorcio por cesión ilegal de traballadores".
Por último, explicou que a sentenza supoñerá "a paralización" de todos os procesos de negociación colectiva actualmente abertos nos catro Parques de Bombeiros afectados.
A sentenza non é firme, contra ela cabe a posibilidade de interpoñer un recurso de apelación no prazo de 15 días ante o Xulgado do Contencioso Administrativo número un de Ourense, para a súa remisión ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Escribe o teu comentario