A Seguridade Social nega a cesión dun ambulatorio "abandonado"
Abel Caballero reprocha que "o fan por razóns políticas", porque "leva 10 anos deteriorándose" e agora quéreno alugar ou vender.
Edificio reclamado por Vigo.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, arremeteu este xoves contra a Tesourería da Seguridade Social pola negativa deste organismo a ceder gratuitamente ao Concello o edificio do antigo ambulatorio de Teis, co fin de construír unha biblioteca pública.
O rexedor deu a coñecer esta negativa nunha rolda de prensa na que lamentou que a resposta da Seguridade Social fose "non", e que ofrezan, en cambio, alugalo ou vendelo ao Concello, a pesar de que é un inmoble que "leva 10 anos abandonado" e se converteu "nun foco de infección".
Caballero avanzou que lle enviará unha carta ao secretario de Estado de Seguridade Social para "esixirlle explicacións" acerca da "distinta vara de medir" deste organismo. Así, lembrou que, cando a Xunta solicitou a cesión do Hospital Xeral (que se está rehabilitando para albergar as novas dotacións xudiciais de Vigo) "fixéronlla gratis", pero néganlle a cesión do edificio de Teis ao Concello.
"Quero saber que hai detrás desta manobra", proclamou o alcalde, quen ve motivos políticos nesa decisión. "Fano por razóns políticas, contra Teis e contra Vigo", denunciou, e advertiu que o Concello non vai pagar "nin un euro" por ese inmoble, a pesar de que a Seguridade Social "quere facer negocio".
Ademais, anunciou que o goberno local utilizará "todas as pancas legais" para esixir á Tesourería da Seguridade Social que o edificio "estea en condicións. "Terano que reformar e poñer en uso de forma inmediata", advertiu, e insistiu en que leva 10 anos abandonado e deteriorándose sen que no Goberno central, nese tempo, fixese ningún intento por alugalo ou vendelo.
Escribe o teu comentario