​Un novo "colapso absoluto" das urxencias do Chuac pode acabar nos xulgados

A Comisión de Centro do hospital anuncia a súa intención de denunciar. A xerencia defende que reforzou a atención.


|

Urxencias cartel hospital


A Comisión de Centro do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (Chuac) volveu denunciar unha situación de "colapso absoluto" no servizo de urxencias, "con decenas de pacientes en corredores, onde son atendidos en condicións que rozan o inhumano".


Por iso, anuncia a súa intención de denunciar nos xulgados unha situación que considera de "total desprotección para pacientes, familiares e profesionais".


Nun comunicado, critica tamén a actuación da xerencia e da Consellería de Sanidade, aos que reprocha "non ser capaces de adoptar ningunha medida que permitise aliviar a situación". Ademais, alerta que os profesionais están a traballar "ao límite da súa capacidade física e intelectual".


RESPOSTA DA XERENCIA


Pola súa banda, a xerencia do Chuac insiste en que se está aplicando "un plan de continxencia" e que se reforzou o persoal médico e de enfermería tanto nos servizos de medicina interna como de urxencias polo aumento de patoloxías respiratorias e "a aparición dos primeiros casos de gripe".


Sobre iso, apunta que este martes, despois dunha semana con varios días festivos, o número de urxencias atendidas no hospital foi de 460, "un 35% máis do habitual". Por outra banda, explica que todos os días ingresan por urxencias "entre 60 e 65 pacientes e outros tantos programados, o que supón que se moven diariamente o 10% das camas".


Con todo, indica que "a pesar do aumento tanto das urxencias atendidas como dos pacientes ingresados desde o servizo de urxencias", o hospital "mantivo a atención sen reprogramar o resto da actividade asistencial".


relacionada ​Repróchanlle a Almuiña que o "colo de botella" no hospital de Vigo é a falta de camas
relacionada ​Feijóo sae a pedir "desculpas" pola saturación das Urxencias nos hospitais

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE