​Feijóo sae a pedir "desculpas" pola saturación das Urxencias nos hospitais

O presidente achaca os problemas a un pico de demanda, pero para os profesionais trátase dun problema estrutural.


|

Feijoo chuacFeijóo, inaugurando un quirófano do CHUAC. Foto: Xunta


Ante a saturación das Urxencias en distintos hospitais galegos como o Cunqueiro de Vigo, o CHUAC ou o Clínico de Santiago, o presidente da Xunta sae a pedir perdón aos pacientes: "Pido desculpas". Así se expresou este xoves tras a reunión semanal do Executivo.


Núñez Feijóo achacou o colapso a un pico de demanda e a que se acumularon altas pendentes na ponte festiva. "Os profesionais traballan dentro dun sistema eficiente", defendeu.


Con todo, estas explicacións están lonxe do que esixen distintas formacións políticas e sindicatos.


PLANIFICACIÓN


A coordinadora nacional de Esquerda Unida e deputada de En Marea, Eva Solla, denunciou que a planificación da Consellería de Sanidade "brilla pola súa ausencia" ante "a onda de gripe" que está "a colapsar as Urxencias" en Galicia.


Segundo explica Eva Solla, aínda que a Xunta "traslada cada ano que é normal que colapsen as urxencias polo incremento de enfermidades de carácter respiratorio", non fai "ningún tipo de planificación á hora de impedir a situación" de pacientes "esperando" en Urxencias.


PROBLEMA ESTRUTURAL


O sindicato Satse advertiu que "non é a gripe" a que "colapsa" a sanidade pública, senón a "falta" de medios e de profesionais, e o dispoñer dun espazo que "non é o correcto para asumir ao número de pacientes que se atenden".


Nun comunicado, o sindicato de enfermería censurou que a xerencia do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) "lle quite ferro á saturación" das urxencias --que esta semana obrigou a abrir máis camas e facer dobres varios cuartos individuales-- e "reste importancia ao feito de manter pechada unha planta do Meixoeiro".


Satse recalcou que, en todo caso, os picos de actividade aludidos polo Sergas "lévanse producindo desde hai anos", e débese aos "problemas para derivar o inxente número de pacientes que necesitan hospitalización porque non hai camas nas plantas, facendo que os pacientes se apiñen nos espazos dispoñibles día tras día".


Tras varios días nos que houbo un repunte no número de pacientes en urxencias e número de ingresados, desde este mércores foise recuperando a normalidade no Chuvi, que xa foi un día "máis tranquilo"; e este xoves continuou esta tendencia de forma que, segundo comunicaron a Europa Press fontes hospitalarias, ás 11,30 horas "non había ninguén sen cama".


Mentres, CC.OO. criticou estes días que se permita unha rodaxe no Meixoeiro a pesar do "colapso" no Chuvi, e aínda que referendou que a rodaxe non se vincula aos problemas en urxencias --xa que a planta na que se está rodando leva dous anos pechada--, incidiu que as críticas obedecen a que non se abran todas as camas do Chuvi nin se usen os recursos ao 100%.


36 PERSOAS Á ESPERA DE CAMA


A Xerencia de Xestión Integrada da Coruña sitúa dentro de "a normalidade" a situación nas Urxencias do complexo hospitalario da cidade (Chuac) na xornada deste xoves, tras as denuncias nos últimos días da Comisión de Centro sobre un "colapso" neste servizo.


Por parte da Comisión de Centro, aseguraron a Europa Press que na xornada deste xoves había "36 pacientes á espera de cama" fronte aos 42 que, segundo indicaron, había este mércores. Con todo, por parte do Chuac un portavoz afirmou que a situación está "dentro da normalidade" e que non hai "ninguén esperando cama".


Por outra banda, a secretaria da Comisión de Centro do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña, Lucía Peón, admitiu que o aumento das enfermidades respiratorias pola chegada do inverno é unha das causas do maior incremento nas urxencias, pero insistiu en que este aspecto "ten que estar previsto cando falamos dunhas urxencias que xa están ocupadas ao 100% todo o ano".


relacionada ​A saturación das Urxencias afecta xa os hospitais da Coruña, Vigo e Santiago
relacionada ​CCOO denuncia "masificación" das urxencias do Cunqueiro, "continuamente infrautilizado"
relacionada Denuncian que o Meixoeiro se utilice como plató de rodaxe a pesar da saturación

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE