A alcaldesa Lara Méndez non teme a unha posible moción de censura
Apunta a "traballar con responsabilidade" desde "o minuto cero"
A alcaldesa de Lugo, a socialista Lara Méndez, asegurou este xoves que non teme unha moción de censura tras perder a confianza da corporación no pleno celebrado o mércores, que vinculou á aprobación dos orzamentos de máis de 95 millóns de euros, e insistiu en que lle "toca traballar con responsabilidade" desde "o minuto cero".
A oposición dispón dun mes para presentar esa moción de censura e, en caso de non alcanzarse a maioría de trece concelleiros para sacala adiante, as contas aprobaríanse de forma inicial.
No pleno de confianza, os votos do PP, o grupo maioritario con nove edís, de Cidadáns con dous concelleiros e un de ACE-Esquerda Unida propiciaron que se lle retirase a confianza á alcaldesa que goberna en minoría con oito representantes. Lugonovo, con tres, e BNG, con dous, os mesmos grupos que apoiaron a investidura de Méndez, abstivéronse.
A alcaldesa Lara Méndez asegurou este xoves que "a moción de censura está aí, estaba no 2015, estaba no 2016, estaba no 2017 e estará no 2018". "Temos unha corporación moi plural, con seis forzas políticas, e a aritmética é o que é, nós temos oito de 25 e a moción de censura está presente en todo o mandato", aseverou.
"Non a temo. Ao meu o que me toca é traballar con responsabilidade, levámolo facendo desde o minuto cero", sentenciou a rexedora socialista de Lugo, quen reiterou as "bondades" do proxecto de orzamentos, que destina un 40 por cento a investimentos (de seis pásase a nove millóns de euros) e nos máis de 23 millóns en "políticas sociais".
A OPOSICIÓN
Por parte do PP, o seu portavoz Antonio Ameijide anunciou que van facer entrega de "propostas" aos grupos da oposición para, a partir do venres, comezar "reunións individuais, con cada un dos portavoces, para tentar explorar calquera tipo de alternativa de goberno a esta cidade". Con iso, os populares buscan adhesións para expor a moción de censura.
No BNG, Rubén Arroxo volveu a ofrecerse a liderar "unha moción de censura" na que el mesmo sería o candidato á Alcaldía. "Onde se crearía un goberno de coalición á esquerda do PSOE, con ACE e Lugonovo", comentou.
"Poñeriamos encima da mesa, leste mesmo ano (por 2018), a proposta de derrubar o Garañón, de peonalizar a Mosquera, de sacar adiante a zona pública de baño, de modificar as liñas de bus e de sacar adiante, tamén, os aparcadoiros disuasorios e así concluiriamos coa parálise de Lugo", concluíu Arroxo.
Escribe o teu comentario