Falece un veciño de Ribadeo despois de caer desde un cantil
O home, de 40 anos, precipitouse desde a altura cando ía recoller auga para cociñar.
Un home de 40 anos de idade faleceu ao caer ao mar desde o cantil de Piñeira, no municipio lucense de Ribadeo, cando ía recoller auga para cociñar.
Segundo informou o CIAE 112 Galicia, pouco despois das 19:00 horas do pasado sábado a familia avisou aos servizos de emerxencia de que o home saíra e aínda non regresara. Ante iso, activouse un operativo por mar e aire, que peiteou o cantil onde a vítima estacionara o seu vehículo.
Os primeiros en chegar foron os voluntarios de Protección Civil que localizaron o corpo sen vida do home. Tras iso, ata o lugar desprazouse un equipo de Salvamento que sacou o corpo da auga e trasladouno a terra. O suceso causou unha forte conmoción na familia, polo que desde o 112 Galicia púxose en alerta ao Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias, que mobilizou a dúas profesionais a Ribadeo para o acompañamento e atención especializado dos familiares da vítima.
Escribe o teu comentario