Os independentistas revalidan a maioría absoluta en Cataluña
Cunha participación histórica, Ciudadanos revélase como primeira forza nun parlamento catalán que lle permitirá ao bloque soberanista formar goberno.
Escrutinio, con datos da Generalitat.
Ciudadanos revélase como primeira forza no parlamento catalán que sae destas eleccións autonómicas, mentres que o bloque independentista formado por JuntsxCat, ERC e a CUP revalida a maioría absoluta que lles permite formar goberno, aínda que con 70 deputados, dous menos que en 2015.
Co escrutinio concluido, Cs sitúase como o partido máis votado, aínda que durante a noite foi rivalizando con JuntsxCat. A formación liderada por Inés Arrimadas obtén 37 escanos, unha vitoria estéril, mentres que a lista de Carles Puigdemont se fai con 34 e ERC consegue 32. Estes 66 son catro máis que os que obtiveron en coalición, nun contexto no que os comicios se formularon como un aval ao proceso independentista ou á aplicación do artigo 155 da Constitución.
O PSC consegue 17 deputados e o grupo de CatComú-Podem faise con 8 escanos, mentres que a CUP e o PP quedan con 4 e 3 deputados, resultado que envía as dúas formacións ao grupo mixto.
PARTICIPACIÓN HISTÓRICA
A participación bateu récord nuns comicios autonómicos en Cataluña co 81,95% dos 5.554.394 cataláns chamados ás urnas, un resultado que se sitúa sete puntos por encima respecto dos comicios do 27 de setembro de 2015.
O delegado do Goberno en Cataluña, Enric Millo, dixo en rolda de prensa que os resultados mostran "un Parlament plural que obriga a un traballo e esforzo das diferentes forzas políticas para conseguir a futura designación dun Govern por Cataluña".
Escribe o teu comentario