O Apalpador percorre a zona vella de Santiago e visita os centros cívicos da cidade

O concello anima a "coñecer un pouco máis" a figura do Apalpador, "que tamén quere contribuír a recuperar".


|

Apalpador


O Apalpador percorre este venres as rúas da cidade histórica de Santiago, nunha ruada que foi presentada pola concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra. Ademais, esta figura mítica do Nadal galego continuará nos próximos días percorrendo os centros cívicos de Compostela.


A ruada do Apalpador sae da Gentalha do Pichel e finaliza na Praza de Cervantes con baile das nenas da Semente. Posteriormente realiza o mesmo percorrido á inversa para finalizar na Gentalha. Durante o percorrido haberá circo e música e, por primeira vez, fará o percorrido o Natarego ou Tizón do Nadal.


Branca Novoneyra animou aos veciñosa participar nesta actividade, "que nos permite coñecer un pouco máis a figura do Apalpador, que forma parte das nosas raíces e que o Concello tamén quere contribuír a recuperar".


Nesa liña, o Apalpador tamén está a visitar os centros cívicos de Compostela durante as festas do Nadal. Ata o próximo día 30, o mítico carboeiro estará nunha trintena de centros, tanto da zona urbana como do ámbito rural. As visitas terán unha duración aproximada de media hora. Nese tempo, o Apalpador relatará a súa historia, e tamén contos e lendas de Nadal. Ademais, levará pequenos agasallos e caramelos para todos os nenos e nenas.


O Apalpador provén da comarca de Trives, en Ourense. Encarna a figura mítica dun carboeiro que, de acordo a tradición galega, baixa a noite do 24 ou 31 de decembro a tocar o ventre dos pequenos para ver se comeron suficientemente durante o ano, deixando unha chea de castañas e mesmo algún agasallo para desexarlles que teñan un bo ano.


VISITAS DE NADAL POLA CIDADE


A concelleira de Acción Cultural tamén deu conta das andainas e visitas que se incluíron na programación de Nadal deste ano, "como anticipo da celebración, en 2018, do Ano Europeo do Patrimonio". Así, Branca Novoneyra lembrou que se están celebrando visitas aos museos de Compostela co obxectivo de "fomentar o seu coñecemento entre os veciños e veciñas, que moitas veces non visitan os museos que teñen ao carón da casa e teñen pendente de descubrir a súa amplísima oferta".


A concelleira de Acción Cultural quixo destacar da programación os paseos familiares organizados co obxectivo de descubrir os lugares de Compostela máis relacionados co Nadal. Branca Novoneyra explicou que serán percorridos que permitirán coñecer espazos relacionados cos ritos típicos destas datas, os cantos e a gastronomía. Tamén permitirán descubrir a iconografía do Nadal que é única en Compostela.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE