O cerco critica que cada ano "se reduzan" as posibilidades de pesca

O BNG carga contra o "falso triunfalismo" da Xunta e promete iniciativas en Europa.


|

Pescapesquero


O presidente da Asociación de Armadores de Cerco de Galicia (Acerga), José Blanco, criticou que cada ano "se reduzan" as posibilidades de pesca para a Comunidade galega e cualificou de "inasumible" para o sector a actual repartición de cotas. Por iso, pediu aos políticos que se "poñan as pilas" para defender os pescadores galegos en Bruxelas.


O representante de Acerga reuniuse este luns coa líder do BNG, Ana Pontón, e a deputada Montse Prado para analizar a repartición aprobada pola Unión Europea que, segundo indicaron, contempla unha baixada do 21% da pescada en augas galegas e dun 7% no Gran Sol. Ademais, tamén recorta un 24% o xurelo ao sur de Fisterra e nas Rías Baixas, e un 20% a xarda en todo o litoral galego.


Ante iso, Ana Pontón mostrou o compromiso do BNG para defender os intereses do sector pesqueiro galego ante as institucións europeas, nas que presentará iniciativas ao respecto, e cargou contra o "falso triunfalismo" da Xunta e o Goberno central. "Parécenos grave que o Goberno galego non estea a defender os intereses" da pesca galega e "asuma un deseño que o que parece que quere é anular a capacidade pesqueira do noso país", denunciou.


Así mesmo, considerou que, a pesar de que "se esconde baixo falsos informes científicos", a repartición de cotas "en realidade depende do peso político de cada país e da capacidade que se teña de facer presión". Por iso, instou á Xunta a poñer en marcha unha "estratexia de defensa de Galicia". "O principal baluarte desta estratexia debería ser o Goberno galego e non ir de simple comparsa nunha delegación estatal", manifestou.


Pola súa banda, preguntado pola repartición de cotas, o portavoz de En Marea, Luís Villares, cualificou de "insatisfactoria" para a frota galega a repartición aprobada pola Unión Europea cuxo resultado, ao seu xuízo, "non obedece a cuestións estritamente biolóxicas senón de carácter político".


Tamén o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, incidiu en que a repartición de cotas sempre resulta "complicada" e diagnosticou que se dá "un rumbo contrario aos intereses" da frota do cerco que "vai prexudicar gravemente a situación pesqueira e do emprego en portos importantes da comunidade.


relacionada Os recortes de cotas pesqueiras castigan o xurelo do sur de Fisterra
relacionada A sardiña queda fóra das negociacións europeas das cotas pesqueiras

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE