Reclaman catro anos para catro acusados de tráfico de droga
Vendían cocaína en distintos establecementos da súa propiedade, como bares ou un lavadoiro de coches
A Sección Segunda da Audiencia Provincial da Coruña xulgará este mércores a catro acusados de vender cocaína en establecementos da súa propiedade, como bares ou lavadoiros de coches, por un delito de tráfico de drogas. O fiscal pide para cada un deles catro anos de cárcere e unha multa duns 10.000 euros.
No seu escrito de acusación, o Ministerio público considera que os acusados, polo menos durante o ano 2012, relacionábanse entre si para colaborar na distribución ilícita de cocaína na cidade da Coruña.
Todos eles contactaban frecuentemente entre si por vía telefónica para pasarse a substancia ou enviarse compradores. Para iso, valíanse dos negocios de cada un deles, dous bares e un lavadoiro de coches aberto ao público, así como dos seus propios domicilios.
Para a investigación, o Xulgado de Instrución número seis da Coruña ditou a intervención dos teléfonos dos acusados ata que foron detidos. Precisamente, no momento do seu arresto, achóuselles diversas cantidades de cocaína e efectos para a súa venda, como básculas de precisión. Todos os acusados estiveron en prisión preventiva por estes feitos.
Escribe o teu comentario