​Lores saca adiante as contas tras aceptar emendas do PSdeG e En Marea

O Concello de Pontevedra aproba un orzamento que crece un 3% ata os 75 millóns, con maior investimento.


|

FERNANDEZLORESALCALDEDEPONTEVEDRA


A corporación municipal de Pontevedra aprobou este venres un orzamento de 75,1 millóns de euros para 2018 cos únicos votos a favor do goberno local do BNG e as abstencións dos concelleiros do PSdeG-PSOE e de Marea. O grupo municipal do Partido Popular e a edil de Ciudadanos votaron en contra.


O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores sacou adiante os orzamentos en pleno extraordinario tras aceptar o BNG as emendas presentadas por socialistas e Marea.


O concelleiro de Economía e Facenda e portavoz do BNG, Raimundo González, agradeceu a actitude "construtiva" de ambos os partidos, e defendeu que este orzamento foi "amplamente participado". Así, destaca o "notable aumento" do 3,13% no orzamento con respecto ao anterior, ao crecer máis de 2 millóns de euros.


Como principais novidades, ademais de incluír 1,2 millóns adicionais para os proxectos que se executarán con fondos europeos, aparecen 1,8 millóns para novas dotacións do parque de bombeiros, unha partida específica para o barrio de Mollabao ou a nova consignación para o servizo de axuda domiciliaria.


MÁIS INVESTIMENTO


Raimundo González subliñou que as contas para 2018 recollen "menor débeda, máis investimento real e máis diñeiro para o rural", as tres ideas sobre as que, segundo di, se elaboraron as contas.


O edil nacionalista resaltou o carácter "investidor" deste orzamento que inclúe un gasto de 165 euros por habitante --diñeiro ao que se engadirán os fondos europeos--, e defendeu un municipio "saneado", coa "menor débeda dos últimos 20 anos".


POSTURA DE MAREA E PSOE


Por parte de Marea Pontevedra, Luís Rei reiterou que este orzamento é o dun goberno "en solitario", pero sinalou que "gusta moito máis" que os de anos anteriores, especialmente pola "axenda social" que se "mellorou" tras as propostas do seu partido.


O socialista Agustín Fernández apreciou a "flexibilidade" do Bloque nas negociacións e sinalou que o seu grupo non quere ser acusado de "torpedear" a xestión do goberno. Así, tendeu a man ao BNG para "explorar" este entendemento. "Estamos para axudar", asegurou.


CRÍTICAS DE PP E CIUDADANOS


En cambio, concelleira de Cs, María Rey, defendeu o seu voto en contra dunha contas para 2018 "involucionistas" e "viejunas" xa que non achegan novidades desde o punto de vista económico e social. Acusou ao BNG de converter a Pontevedra nunha "aldea gala de subsistencia" e de non resolver as grandes carencias do rural.


O portavoz do PP, Jacobo Moreira, centrou as súas críticas en PSdeG-PSOE e Marea, aos que acusou de poñer unha "alfombra vermella" ao BNG e de darlles "vía libre". Asegurou que estes "compañeiros de viaxe" demostran que estas contas veñen "decididas" desde Santiago e non teñen en conta as necesidades dos cidadáns de Pontevedra.


Respecto ao orzamento criticou que ten ao rural como o "gran prexudicado" e lamentou que os nacionalistas "o fíen todo" aos fondos europeos. O PP presentou unha emenda á totalidade, rexeitada por BNG, PSdeG-PSOE e Marea.


relacionada Expertos pontevedreses achegan ideas sobre cidades máis verdes
relacionada Pontevedra non programa nada especial para o Día europeo sen coches

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE