Máis axentes "de uniforme e de paisano" despregados para mellorar a seguridade en Nadal
O reforzo durará ata o 8 de xaneiro e céntrase nas zonas comerciais e as de gran afluencia de xente.
A Xefatura Superior de Policía de Galicia reforzou a presenza de efectivos policiais en zonas comerciais de gran afluencia de público durante a campaña do Nadal para previr actos delituosos.
Segundo informa a Policía Nacional, a campaña 'Comercio Seguro', que se activa en todo o país con motivo das datas do Nadal e que se prolongará ata o 8 de xaneiro, realízase anualmente por estas datas co fin de "previr e evitar furtos, timos, estafas, roubos e outros delitos que adoitan producirse aproveitando importantes aglomeracións en zonas comerciais e de lecer".
Os servizos policiais realizaranse diariamente nas franxas horarias de maior actividade comercial e afluencia de público. Ademais, a Xefatura de Policía de Galicia destaca que a app para teléfonos móbiles Alertcops permitirá que unha persoa poida comunicar unha alerta sobre calquera feito delituoso.
MÁIS AXENTES
Durante o mes que dura a campaña do Nadal haberá, indica a Policía, "un despregamento especial" por parte deste corpo, que se reforzará coa presenza de unidades de Seguridade Cidadá e Policía Xudicial, tales como radiopatrullas, Guías Caninos, Brigada Móbil ou Subsolo.
"Un incremento de axentes, tanto de uniforme como de paisano, que repercutirá na seguridade cidadá e que se coordinarán cos plans específicos establecidos polas respectivas comisarías provinciais", subliña a Policía.
Así mesmo, os axentes repartirán durante estas datas a comerciantes e cidadáns trípticos que foron elaborados pola Policía Nacional xunto ao Ministerio de Economía, Industria e Competitividade. Neses trípticos recóllese un decálogo de consellos e unha serie de medidas de seguridade que deben adoptarse para evitar atracos, roubos, furtos ou timos.
Escribe o teu comentario