​A cúpula de Caixanova volve á Audiencia Nacional por créditos concedidos a amigos

|

NovacaixagaliciaOficina de Novacaixagalicia, resultante da fusión das caixas galegas.


O maxistrado da Audiencia Nacional José de la Mata toma declaración este luns en calidade de investigados ao ex director de Caixanova José Luis Pego Alonso, o ex director xeral da oficina principal da entidade José Benito Parente e outras tres persoas por outorgar créditos e préstamos hipotecarios por importe próximo aos 135 millóns de euros a unha promotora viguesa para a compra da conserveira Bernardo Alfageme, vinculada a antigos xestores da caixa galega.


O xuíz atribúe a todos eles os delitos de administración desleal e branqueo de capitais e cita para este martes ao ex presidente da caixa Julio Fernández Gayoso, e ao ex director xeral Gregorio Gorriarán, segundo expón no auto no que incoa dilixencias contra un total de oito persoas os feitos que se remontan a 2005.


Tres dos investigados nesta nova causa -Pego Alonso, Gorriarán Laza e Fernández Gayoso- xa foron condenados por este mesmo tribunal a dous anos de cárcere polo cobro de indemnizacións millonarias que se concederon a si mesmos antes de abandonar a entidade e que alcanzaron os 22 millóns de euros.


Segundo o relato dos feitos, no outono de 2005 Gorriarán xunto con Benito Parente visitaron ao tamén investigado Juan Lago Pérez, administrador de Promalar, e propuxéronlle outorgarlle financiamento para que comprase Alfageme dado que tiñan intereses na mesma Guillermo Alonso Jáudenes (xa falecido) e Fernando García, ex presidente e ex conselleiro da caixa galega, respectivamente.


De la Mata expón que os máximos xestores de Caixanova "querían beneficiar economicamente" aos accionistas de Bernardo Alfageme facilitando a súa saída da sociedade en prexuízo da entidade financeira. Por iso simularon contratos que ocultaban a verdadeira finalidade de financiamento a Promalar, que acabou entrando en quebra tras a adquisición da conserveira.


CATRO OPERACIÓNS DE CRÉDITO


Entre 2005 e 2009 levaron a cabo catro operacións; as dúas primeiras consistiron nun préstamo hipotecario de 60 millóns de euros e un crédito da mesma cantidade. En 2007 concedeuse un novo préstamo hipotecario de 9,25 millóns de euros e dous anos despois concederon unha póliza de crédito de 5 millóns de euros.


O titular do Xulgado Central de Instrución número 5 xustifica a competencia da Audiencia Nacional para investigar os feitos dado que o quebranto sufrido por Caixanova ascendería a máis de 80 millóns de euros, o que supón unha "grave repercusión" na economía nacional.


Tamén lembra que o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) acabou inxectando "importantes cantidades de diñeiro" en Nocavaixagalicia, entidade que naceu do proceso de fusión de Caixanova con Caixa Galicia. En concreto a nacionalizada recibiu 5.425 millóns de euros.


relacionada Obrigan a un exdirectivo de NCG a devolver os máis de 5 millóns da súa prexubilación
relacionada Rexeitan o excarceramento a dous exdirectivos de Novacaixagalicia
relacionada Fernández Gayoso empeza a colaborar con Érguete tras saír de prisión

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.
Cabecerarecomendadosgal 2
Cabeceraultimahora 2
Cabeceralomasleidogal 1


Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress