Elnosa presenta a proposta de ERE para despedir a 16 traballadores
Os representantes sindicais cren que a cifra de despedimentos na cloreira poderá baixar a 10.
Elnosa comparte localización con Ence.
Os representantes do grupo portugués CUF presentaron este xoves aos traballadores de Elnosa unha proposta de Expediente de Regulación de Emprego (ERE) extintivo con 16 despedimentos.
Neste primeiro encontro participaron os representantes da empresa cloreira, asesorados por tres avogados dun despacho laboralista madrileño, e os integrantes do comité de empresa da fábrica, co presidente Avelino García á cabeza e outros representantes sindicais como Víctor Ledo ou José Luis García Pedrosa, de CCOO.
Segundo informou o comité de empresa, a dirección de Electroquímica do Noroeste SAU (Elnosa) trasladou toda a documentación sobre o ERE, pero non entrou en detalles sobre os departamentos en que se producirían eses despedimentos previstos nin sobre as indemnizacións que cobrarían estes traballadores.
O presidente do comité de empresa, Avelino García, indicou que ao longo da negociación e despois de estudar a documentación entregada tentarán reducir a 10 o número de despedimentos e obter as mellores condicións para os afectados.
As dúas partes quedaron en manter un segundo encontro a finais da próxima semana. Unha das principais preocupacións dos traballadores atópase en que a Xunta de Galicia, a pesar das promesas, aínda non publicou no Diario Oficial de Galicia a concesión da Autorización Ambiental Integrada que lles permita manter a produción de hipoclorito de sodio na fábrica.
O 11 de decembro, a factoría de Lourizán, en cumprimento dunha directiva da Unión Europea terá que abandonar a elaboración de cloro utilizando mercurio como viña facendo. A empresa iniciará os traballos de desmantelamento dese sistema produtivo e a previsión é que, a partir de mediados de xaneiro, cando se incorpore nova maquinaria, poida elaborar hipoclorito.
Escribe o teu comentario