No Dépor xa encaran os partidos coma finais
Sidnei deixa claro que ao equipo só lle vale sumar vitorias e cre que os erros pásanlles demasiada factura.
Sidnei, nun adestramento. Fonte: RC Deportivo
A mala xeira do Dépor e a imaxe de fraxilidade que dá nos partidos fai ao equipo encarar o próximo encontro como unha final, cando aínda faltan xornadas para chegar ao ecuador da liga.
Sidnei expresou á prensa que "os outros equipos cometen erros e os nosos estamos a pagalos moi caro. Temos que traballar e seguir crendo na nosa idea e no noso equipo, que estou seguro que os puntos van chegar".
O central brasileiro advirte que o partido deste sábado ante o Leganés, na casa, "é moi complicado", pero que "a nós só nos interesan os 3 puntos. Imos saír polos 3 puntos".
Opina o defensor deportivista que é coma unha final, "porque xogamos na casa, coa nosa xente e necesitamos os puntos para nós e para darlle unha alegría á xente".
Do mesmo xeito que Lucas, Sidnei solicita centrarse nun mesmo e "buscar vitorias. Se non facemos o noso traballo, non serve de nada mirar aos demais. Temos que pensar soamente no noso equipo".
Está de acordo en cualificar como "pobre" a bagaxe do Dépor nestas 14 xornadas, con só 12 puntos. Iso si, lembra que houbo partidos como "o Málaga ou o Atlético que non merecemos acabar como acabamos".
Escribe o teu comentario