Caballero, Feijóo e Ponte Caldelas avivan os reproches pola auga

O alcalde de Vigo insiste en que a auga é potable "cento por cento" e que "se houbese algún problema xa o diría eu".


|

Feijoo abel cabaleiro


O alcalde de Vigo, Abel Caballero, acusou este martes a Feijóo de "sementar dúbidas" acerca da calidade da auga na cidade para "ocultar" a súa "incapacidade" e "neglixencia", por non tomar medidas a tempo para paliar a seca.


Así o manifestou o rexedor olívico, en declaracións aos medios, e en resposta a unhas manifestacións de Feijóo realizadas este martes nunha televisión de ámbito nacional.


Segundo Caballero, o presidente da Xunta está "instalado na mentira" cando fala da xestión da seca en Vigo, e acusouno de "botar balóns fóra", en lugar de explicar por que non iniciou as obras de transvasamento de emerxencia no Verdugo hai anos (obras que, lembra, si se fixeron na Coruña) ou por que non accedeu a reducir o caudal ecolóxico da presa de Eiras en outubro, tal e como o rexedor lle reclamou.


"De ser resoltas estas cuestións, non estariamos agora neste nivel de gravidade. Habería seca, pero teriamos auga para 180 ou 200 días", incidiu, e engadiu que Feijóo, que "vai de eficiente", mostrou ante toda España que "é un inútil" e cometeu unha "neglixencia gravísima".


O alcalde de Vigo, quen ve tras as palabras de Feijóo "un ataque a Abel Caballero", criticou duramente ao presidente da Xunta por cuestionar a calidade da auga da traída. Así, reiterou que a auga en Vigo "é potable cento por cento". "Se houbese algún problema xa o diría eu", engadiu.


Con respecto á necesidade de ampliar e modernizar a ETAP do Casal, recollida nun informe municipal de hai varios anos, Caballero afirmou que "a modernidade ou non modernidade dun sistema non impide que a auga sexa cento por cento potable".


PONTE CALDELAS, EN PÉ


O goberno municipal de Ponte Caldelas (PSOE, AVP e BNG) confirmou este martes que prepara novas mobilizacións contra o transvasamento previsto no río Verdugo, que cualifica como "animalada ambiental", e reiterou que, ante a "dubidosa legalidade" desta actuación, tamén está a estudar a opción de acudir a vía contencioso-administrativa.


Así, segundo informou a través dun comunicado, o goberno caldelán decidiu convocar unha nova protesta, que aínda non ten data fixada. Avanzou que se tratará dunha concentración ante a delegación territorial da Xunta en Pontevedra, para manifestar a súa oposición ao "espolio" do río Verdugo.


O alcalde de Ponte Caldelas, o socialista Andrés Díaz, expresou que no caso de que, como parece, o Goberno galego tramite a actuación pola vía de emerxencia, sen aprobar previamente o proxecto e a avaliación ambiental, o goberno caldelán anunciou que interpoñerá recurso e demandará a paralización das obras nos xulgados.


Así, o rexedor desta localidade cuestionou a legalidade desta actuación que, "baixo ningún concepto", pode ser considerada unha obra de emerxencia, xa que non soluciona un problema derivado de circunstancias imprevistas, senón que é "unha obra de planificación hidrolóxica ao cento por cento".


relacionada Sen unha solución "definitiva", a auga deixará de ser potable este mes
relacionada Ponte Caldelas se posicióna en contra do transvasamento do río Verdugo ao encoro de Eiras

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE