Sen unha solución "definitiva", a auga deixará de ser potable este mes
A Xunta atribúe o problema ao mal funcionamento da potabilizadora municipal e o alcalde vigués garante a calidade da auga.
A concesionaria de abastecemento de auga en Vigo, Aqualia, advertiu nun informe remitido á Xunta que, de manterse as actuais condicións de seca e caudal ecolóxico, a auga do encoro de Eiras (que abastece a cidade olívica e varios municipios máis) deixaría de ser potable nun prazo de 25 días.
Así o explica a empresa no dito informe, no que detalla que, a medida que vai baixando o nivel do encoro (actualmente no 38,7 por cento), empeora "a calidade da auga bruta". Tendo en conta as simulacións e segundo as análises realizadas pola empresa na saída da potabilizadora do Casal, estima que ao chegar á denominada cota 210, a auga deixará de ser apta para o consumo humano.
A concesionaria tamén sinala que, segundo as súas estimacións, se se reduce o caudal ecolóxico a 150 litros por segundo, e se se reduce tamén o caudal de Zamáns ata 12 litros por segundo, as reservas de auga en ambas as presas "garantirían a subministración durante 75 días".
POTABILIZADORA MUNICIPAL
Ante esta situación, Augas de Galicia (Consellería de Medio Ambiente) trasladou a súa disposición para estudar a redución do caudal ecolóxico, "esta vez co fin principal de garantir a calidade da auga", tras "recoñecer o Concello os déficits de funcionamento" da estación potabilizadora.
A Xunta precisou que, co actual volume embalsado e en circunstancias normais, debería poder garantirse a subministración de auga potable, e lamentou que non poida facerse máis aló deses 25 días por un mal funcionamento da potabilizadora do Casal, "de titularidade municipal".
Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, nunha rolda de prensa, deu por feito que a Xunta accederá finalmente a reducir o caudal ecolóxico do encoro de Eiras a 150 litros por segundo.
O rexedor recoñeceu que "xa se ve turbidez" na auga da traída, debido ao baixo nivel no que se atopa a presa, aínda que aseverou que está "perfectamente garantido que a auga é potable".
Por outra banda, advertiu de que a redución do caudal e a construción un pequeno transvasamento desde o río Verdugo son solucións de emerxencia, e hai que "buscar unha solución definitiva e permanente". A ese respecto, lembrou que, como se demostrou, o encoro de Eiras "non aguanta unha seca de oito meses" e "non hai onde almacenar máis auga"
Con respecto á posibilidade de que, chegado o caso, se declare unha situación crítica e se formulase a subministración de auga levada en barcos, Caballero reiterou que esa solución ten unha gran complexidade técnica e un custo tal, que o Concello non podería asumilo. "Só podería asumilo o Goberno de España, e seguramente con apoios europeos", abundou.
TRANSVASAMENTO
Finalmente, en relación co pequeno transvasamento (bombeo) de auga desde o río Verdugo, a Xunta confirmou que xa puxo en marcha a tramitación desta actuación pola vía de emerxencia, tendo en conta que xa se pecharon, co Concello de Vigo os termos do convenio para a execución da obra.
Os traballos serán levados a cabo por Augas de Galicia, co fin de apurar prazos, e a Xunta poñerá un 20 por cento do financiamento, mentres que o resto correrá a cargo do Concello olívico.
Escribe o teu comentario