Detido un home por estafar a anciás mediante un imposto falso
Facíase pasar por empregado municipal para enganar a distintas mulleres de avanzada idade, esixindo o pago de 150 euros
Un home de 63 anos de idade foi arrestado por axentes da Policía Local de Vigo como presente autor dun delito continuado de estafa. O detido facíase pasar por empregado municipal para enganar a distintas mulleres de avanzada idade, esixindo o pago de 150 euros por un imposto falso.
A detención produciuse este luns tras o aviso dunha anciá de 81 anos de idade, que se decatou do engano ao tentar cobrarlle 150 euros por un “novo” imposto vinculado ao catastro. A muller desconfiou e chamou ao Concello, onde lle confirmaron que dita taxa directamente non existía.
O home si logrou estafar a outra muller do mesmo edificio, de 82 anos de idade. A Policía localizou na mesma rúa ao home, sospeitoso de anteriores fraudes similares. Tras a súa detención, interviñéronlle os 150 euros estafados, un boletín de facturas, e unha factura manuscrita na que podía lerse 'Oficina de Xestión Pendente de Atrasos', ademais dunha cartilla bancaria a nome dunha muller e outros documentos.
Escribe o teu comentario