Marina Mayoral dedica o seu discurso de ingreso na RAG á mitificación de Rosalía

A escritora e investigadora analiza os motivos polos que Murguía destruíu as cartas de Rosalía de Castro.


|

Mariña mayoral rag


A escritora e investigadora Marina Mayoral ingresou este sábado na Real Academia Galega como académica de honra cun discurso no que ofreceu unha nova visión sobre os motivos que levaron a Manuel Murguía a destruír as cartas de Rosalía de Castro.


A autora considera que "a intención fundamental" de Murguía non foi "protexerse a si mesmo" senón "protexer a imaxe da súa muller" na procura dunha "mellor acollida" da súa obra. "Murguía construíra a imaxe dunha Rosalía mártir, que se compadecía da dor allea e que mantiña sempre unha actitude digna e nobre ante a propia dor", manifestou.


Neste sentido, Mayoral, que profundou nas distintas accións do autor no proceso de mitificación de Rosalía, considerou que para "completar o seu labor de enaltecemento só lle faltaba destruír as cartas, nas que debía de aparecer unha Rosalía que non se axustaba a esa imaxe".


A nova académica de honra, que desde os 19 anos reside en Madrid, rematou a súa intervención cun recordo aos escenarios importantes na súa vida, todos eles galegos. Ademais, agradeceu á RAG o seu nomeamento.


RESPOSTA DE FRANCO GRANDE


O encargado de darlle resposta en nome da Academia foi Xosé Luís Franco Grande, quen erixiu a Marina Mayoral nunha "personalidade literaria xa de proxección internacional", creadora dunha obra narrativa "moi rica".


Ademais, o académico, amigo persoal da autora desde os anos 50, lembrou tamén a traxectoria investigadora da catedrática da Universidade Complutense de Madrid, na que destacan, entre outros, traballos académicos sobre Rosalía ou Emilia Pardo Bazán.


"De feito, Marina Mayoral levou o nome e a obra de Rosalía, e de Galicia por tanto, a unha chea de tribunas académicas internacionais nas que exerceu como conferenciante ou profesora convidada, como as universidades de Harvard, Berkeley ou La Sapienza de Roma", subliñou.


AGRADECEMENTO DA ACADEMIA


No acto, o presidente da RAG, Víctor Freixanes, agradeceu á nova académica o seu discurso en nome de toda a institución, á que lle deu a benvida. "Hoxe súmase á nómina de personalidades que nos honran coa súa incorporación a esta casa", sinalou Freixanes, que puxo en valor o discurso de Marina Mayoral e lembrou que Pardo Bazán, cuxa casa acolle na actualidade a sede da RAG, foi recoñecida co mesmo nomeamento en 1906.


"A condición humana e os desencontros afectivos de Rosalía, Murguía ou a propia Pardo Bazán reflectidos no discurso fan que mesmo as grandes figuras da nosa historia sexan de carne, óso e sentimentos", destacou Freixanes.


relacionada Chus Pato reivindica a poesía no seu discurso de ingreso na RAG
relacionada Freixanes denuncia a desvantaxe orzamentaria da RAG fronte ás academias vasca e catalá

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE