A illa de Ons tamén terá límite diario de visitantes e as Cíes reforzarán o seu control
A Xunta elude de momento aclarar a cifra e só di que baixará "un pouco" dos 3.000 actuais.
A Xunta anunciou este mércores que no novo plan reitor de usos e xestión do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia establecerase unha cota de visitantes para a illa de Ons e, ademais, estuda incluír unha baixada no número de persoas que diariamente poden desembarcar no arquipélago das Cíes.
A directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, comunicou aos xornalistas que a proposta da administración autonómica pasa por fixar a cota máxima en Ons en 1.800 persoas por día, mentres eludiu aclarar a canto se reduciría a de Cíes e só dixo que se baixará "un pouco" respecto dos 3.000 visitantes diarios que se admiten na actualidade.
Díaz engadiu que, ademais de regular o número de visitantes, van "reforzar" os sistemas de control para garantir que se cumpren as cotas, despois de que este verán fosen sancionadas catro navieiras pola sobrevenda de pasaxes ás illas Cíes.
Escribe o teu comentario