Xunta e Fomento estudan bonificar as peaxes dos camións nas autoestradas
A medida decidirase na próxima reunión bilateral da comisión de seguimento da AP-9.
A Xunta e o Ministerio de Fomento analizarán a posibilidade de implantar bonificacións para os vehículos pesados de transporte de mercadoría que empreguen vías de peaxe nas súas rutas. O obxectivo da medida radica en aumentar "a seguridade e a competitividade" do sector.
Diso informou a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, que avanzou que a medida será levada á próxima reunión da comisión de seguimento da AP-9, segundo recolle un comunicado emitido pola Xunta.
Así, o encontro bilateral entre Xunta e Fomento analizará os resultados do plan experimental posto en marcha no tramo Puxeiros-Tui para a bonificación do transporte de vehículos pesados.
Deste xeito, a medida podería ser implantada nos eixos de comunicación de pago de Galicia, como a AP-53 ou a AP-9 --entre Vigo e Redondela--, que pasarían a "canalizar" o tráfico pesado cara ás comunicacións portuarias.
Segundo a conselleira, a circulación deste tipo de vehículos polas vías de altas prestacións "contribúe á redución dos tempos de viaxe", xa que as autoestradas "son máis seguras e están mellor adaptadas a este tipo de tráfico".
Por outra banda, Vázquez tamén avanzou que o próximo ano a Xunta destinará 40.000 euros en axudas para o fomento da formación dos transportistas en cuestións de seguridade viaria como o manexo de mercadorías perigosas ou "a eficiencia na xestión empresarial".
Escribe o teu comentario