O Depor segue sen carburar na casa

O Deportivo da Coruña sacou un empate ante un correúdo Athletic de Bilbao en Riazor.


|


DPkJS3uVoAAeckl


O Deportivo da Coruña sacou un empate en casa ante un correúdo Athletic de Bilbao en Riazor. Un gol de Schär, o segundo en dúas xornadas, igualou un encontro no que os branquiazuis se adiantaron por dúas veces cos goles de Susaeta e Williams. Adrián, recuperado da súa lesión, tamén viu porta establecendo o momentáneo 1-1 no marcador.


A mañá non puido empezar peor en Riazor. Un nuboeiro cerníase sobre o coliseo herculino na asollada mañá de domingo cando, ao cuarto de hora de xogo, Aduriz inventouse un taconazo entre dous marcadores para servir en bandexa a Susaeta o 0-1. O extremo só tivo que meter a punteira para superar a Rubén e poñer o partido costa arriba para o Depor. O peor era que o Athletic non daba pé ao dominio dos locais, que estaban tan necesitados da vitoria como os branquivermellos.


Con todo, os deportivistas non perderon a cara ao partido e empezaron a achegarse máis e máis á meta de Kepa. Foi superada a media hora de xogo cando do Depor levou ao igualada ao vídeo marcador. Adrián, que xa puxera en apertos á zaga vasca, rebañó un remate de Mosquera no segundo pau para enviar o balón á rede. A pesar das táboas, Rubén tivo que esmerarse palmeando un balón para evitar que un croque de Laporte ao fío do descanso terminase sendo o terceiro tanto da mañá.


Xa na segunda parte o guión volveu repetirse cando ao cuarto de hora o Bilbo púxose de novo por diante, esta vez por medio de Iñaki Williams, que como Susaeta necesitou meter a punteira do botín para superar ao cérbero branquiazul. A partir de aí houbo momentos para o museo dos horrores do Depor, herrando entregas sinxelas e cometendo fallos grotescos na saída de balón. Nunha desas meteduras de pata chegoulle o coiro a Iturraspe que, desde a frontal, mandou un lategazo ao pau a falta de vinte minutos para o asubío final. Só cinco minutos despois, Adrián cabeceou un córner que Schär, libre de marca, empuxou na área pequena facendo o seu segundo gol como deportivista en dúas xornadas.


O empate xa non se movería do marcador, aínda que Iñaki Williams puido desnivelar a balanza se non chega a errar un disparo franco na área de Rubén, repelido de novo pola cepa do poste. Xa sobre a bucina Juanfran puido dar os tres puntos aos de Parralo, pero tras caracolear na área biscaíña o seu disparo marchouse por encima do traveseiro.

O asubío final deixou aos dous equipos igual que chegaran ao partido: necesitados dos tres puntos, algo que terán que aprazar ata a próxima xornada. Polo momento, e á espera de que xogue As Palmas, o Depor sitúase cinco puntos por encima do descenso, aínda que de gañar o equipo canario a vantaxe veríase reducida ata os tres puntos. Agora toca esperar a ver se a Real Sociedade faille un favor aos branquiazuis…e ao Athletic, que só ten un punto máis que os coruñeses.


Ficha técnica:

Deportivo da Coruña: Rubén; Juanfran, Schär, Albentosa, Navarro; Mosquera (Expósito min.46); Cartabia (Carles Gil min. 76), Valverde, Adrián, Borges (Andone min. 64); Lucas Pérez

Athletic de Bilbao: Kepa; Bóveda, Núñez, Laporte, Balenziaga; Rico, Iturraspe; Iñaki Williams, de Marcos (Raul García min. 54), Susaeta; Aduriz

Goles: 0-1 Susaeta, in. 16; 1-1 Adrián, min 35; 1-2 Williams, min. 60; 2-2 Schär min. 76

Árbitro: José Luis González González, do comité canario, amoestou aos locais Mosquera, Cartabia, Expósito e Albentosa e ao visitante Laporte.

Incidencias: Partido correspondente á Xornada 13 de LaLiga Santander disputado en Riazor ante 21.000 espectadores. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE