'Kiss' e 'Scorpios', cabezas de cartel do Resurrection Fest
O heavy-metal encherá outro ano máis Celeiro coa presenza de dous grupos emblemáticos.
Unha parte do cartel do festival.
O heavy-metal ten unha cita ineludible en Celeiro durante o verán. E este ano, o Resurrection Fest Estrela Galicia 2018 promete ser o máis heavy da súa historia, contando con dous grupos míticos que farán de cabeza de cartel: a banda estadounidense 'Kiss' e os alemáns 'Scorpions'.
A pequena vila lucense énchese todos os veráns cos máis acérrimos seguidores do xénero musical que emprega máis decibeis. No seu décimo terceira edición, consagrado xa como un dos festivais do heavy máis importantes do panorama musical, contará con dous dos grupos referentes do metal. O anuncio de que o Resu ía contar con 'Kiss' e con 'Scorpions' foi a través das redes sociais en forma de vídeo onde anunciaba á súa vez a presenza doutros grupos como 'Stone Sour', 'Ministry' ou 'Anti-Flag'.

Coa cara pintada e sacando a lingua, 'Kiss' sairá a escena o sábado 14 de xullo para facer as delicias dos incondicionais do grupo estadounidense, unha lexión que seguro que acollerá á banda neoiorquina coa vestimenta característica dos seus integrantes e que fixo famosa a esta banda fundada en 1973.
Un pouco maiores son os alemáns 'Scorpions'. Xurdidos en Hannover en 1965, son un dos grupos máis lonxevos dentro do rock duro e o seu estilo rompeu todas as barreiras converténdose nun grupo referente a nivel mundial. A eles, tocaralles deixarse a pel no escenario un día antes, a noite do venres 13. Con 50 anos de música ás súas costas, os xermanos presumen de ter corda para longo.
Con semellante escaparate, desde a organización esperan bater todos os records de asistencia e superar os 86.475 asistentes do ano pasado. O obxectivo é superar a marca dos 90.000 e pronto poñerse nos 100.000 asistentes a un dos festivais máis multitudinarios de España. As entradas estarán á venda ao prezo actual ata o vindeiro martes 21 de novembro as 23:59 horas. Doutra banda, as entradas diarias poñeranse tamén á venda o luns 20 de novembro a partir das 10:00 horas. Xa o advertiu 'Kiss': "I wanna rock and roll all night and party every day". Como para so perder.
Escribe o teu comentario