Feijóo promete que a súa lei empresarial creará 800 empregos na minería
"O sector pasará de seis ou sete anos para conseguir a instalación dunha canteira de lousa a un ano ou ano e medio", proclama.
O presidente da Xunta defendeu este martes o seu compromiso co sector da lousa e situou a quen están ligados co mesmo entre os beneficiarios da nova lei de implantación empresarial, coñecida polos seus detractores como Lei de Depredación de Galicia, que "reducirá as trabas burocráticas para poder investir con seguridade e con respecto ao medio ambiente".
"Este sector pasará dunha media de seis ou sete anos para conseguir a instalación dunha canteira de lousa a un ano ou ano e medio; isto significa a activación da economía, do sector da lousa e máis emprego", sentenciou, durante unha visita ao Centro Tecnolóxico da Lousa e ás instalacións da fábrica Pizarras del Valle, na que tamén participou o titular de Economía, Francisco Conde.
A continuación, Feijóo afirmou que, para o conxunto da minería, a lei de implantación empresarial supoñerá a creación de 800 empregos e un incremento do 21 por cento na súa achega ao PIB.
MENOS PO DE SÍLICE
Como exemplo dos esforzos do sector no ámbito da innovación, o presidente destacou os esforzos por atopar a maneira de minimizar a emisión de po de sílice ao cortar pedra. "E situarnos á vangarda na loita contra as enfermidades profesionais asociadas á lousa", sentenciou.
Na actualidade, o 95 por cento da produción galega de lousa está destinada á exportación en tres mercados principais: Francia, Reino Unido e Alemaña; aínda que o sector está a expandirse por outros mercados como os países nórdicos, Estados Unidos, Australia ou Rusia. E, en 2017, as vendas no exterior, nos sete primeiros meses, foron un 3 por cento superiores ás do mesmo período do ano anterior.
Escribe o teu comentario