Sorprenden a un ladrón cando saía pola fiestra dun colexio
Entrou pola cafetería e a central de alarmas avisou á policía. Ao mozo cónstanlle detencións anteriores.
Axentes da Policía Nacional detiveron un home na Coruña por un delito de roubo con forza nun colexio. Hai unha semana varios efectivos policiais foron enviados a un centro docente da cidade herculina despois de que a central de alarmas informase de que unha persoa estaba dentro do mesmo cunha lanterna.
Cando chegaron os axentes e revisaban o interior do colexio, observaron que saía pola xanela da cafetería un home que levaba unha mochila posta.
Os axentes revisaron as pertenzas que portaba, entre as que tiña unhas luvas, un pasamontañas, unha lanterna, un desaparafusador e varios envases de snacks. O home, ao ser sorprendido polos axentes, recoñeceu que acababa de forzar os catro barrotes da xanela para entrar na cafetería do colexio.
Os axentes realizaron unha requisa no interior por se puidese haber outros ladróns. "Estaba todo moi revolto e había unha pata de cabra á beira da xanela", concreta a Policía.
Os policías procederon á detención do home por un delito de roubo con forza nas cousas e foi trasladado a dependencias policiais, onde se instruíron as dilixencias.
O home arrestado, natural da Coruña, de 26 anos e con varias detencións anteriores, foi posto a disposición xudicial.
Escribe o teu comentario