Existe risco de contaminación na auga das zonas queimadas de Galicia
A Sociedade Galega de Historia Natural solicitou medidas ao respecto á Consellería de Sanidade
Os incendios que arrasaron boa parte de Galicia o pasado mes de outubro, incluíndo zonas densamente habitadas, provocaron o risco de contaminación en diversos cursos e masas de auga a través das cinzas, o carbón e os sedimentos arrastrados polas choivas. Como resposta, a Sociedade Galega de Historia natural (SGHN) solicitou á Consellería de Sanidade que tome medidas ao respecto.
Ditas medidas, efectuadas en colaboración con distintos organismos de bacía (Augas de Galicia e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil) e servizos municipais de augas, consistirían en analizar os niveis de elementos traza nas augas das zonas afectadas e de hidrocarburos aromáticos policíclicos (HAPs), un grupo de máis de 100 substancias orgánicas químicas orixinadas na combustión incompleta de carbón, petróleo ou lixo e durante incendios forestais.
O risco de contaminación en auga galegas por culpa dos incendios non é algo totalmente novo. Dous estudos verificaron fai anos a presenza de HAPs localizados en praias e sedimentos de encoros galegas, e cuxo orixe radica con toda probabilidade nos incendios forestais. Ademais, a SGHN xa solicitara a distintos servizos municipais de augas a análise sistemática da concentración deste tipo de substancias tóxicas.
A magnitude da marea de incendios que arrasou Galicia incrementa o perigo de contaminación, máis aínda se temos en conta que moitas das áreas calcinadas atopábanse nos arredores de mananciais, captacións de auga, ríos e encoros, tanto hidroelécticas como de abastecemento de auga á poboación.
Escribe o teu comentario