O ERE afectará a cinco oficinas galegas do Banco Popular e o Santander
A cifra de traballadores afectados en Galicia pode chegar aos 500. En toda España, a compañía prescindirá de 1.580 empregados.
Cinco centros galegos, tres de Popular e dous de Santander, vense afectados polo expediente de regulación de emprego para 1.580 traballadores en toda España previsto para a integración dos servizos centrais de ambas as entidades.
Así o trasladou este mércores a compañía aos sindicatos, dentro dunha fase de negociación previa destas saídas. A maiores, propón 585 recolocacións noutras empresas do grupo.
No caso da comunidade galega, os centros afectados do Popular, segundo a listaxe facilitada ás centrais, serán o Cantón e Beiramar na Coruña e Praza de Vigo en Santiago. A maiores, no caso de Santander, o axuste afecta os centros de Durán Loriga e tamén do Cantón, ambos na capital herculina. "A dirección non deu máis datos", lamenta a CIG, a través dun comunicado.
"NON ESTAMOS CONFORMES COS NÚMEROS"
Pola súa banda, o representante de UXT en Pastor, Javier Castro, en declaracións a Europa Press, sinala que o número global é unha cifra "para rebaixar" para os representantes dos traballadores, do mesmo xeito que o indicador de 58 anos en diante para as prexubilacións.
"Non estamos conformes cos números, a ver no desenvolvemento sucesivo", advertiu Castro, apuntando á nova cita, fixada xa para o luns 13. "Espero que poidamos entrar en detalles sobre as condicións".
E é que o próximo 16 de novembro iniciarase xa o período de consultas, coa previsión de que os despedimentos se apliquen en xaneiro, segundo indica a central nacionalista.
De acordo coas súas estimacións, de centralizar todos servizos centrais e empresas auxiliares en Madrid, o banco "será responsable da destrución de 500 postos de traballo na Coruña".
"AXUSTE EXCESIVO"
A entidade que preside Ana Botín trasladou este mércores aos sindicatos que a integración nos servizos centrais de ambas as entidades, así como nas unidades territoriais de apoio a estes servizos, afectará a uns 2.100 traballadores.
En concreto, Santander propuxo a recolocación duns 585 traballadores noutras empresas do grupo e a saída duns 1.580 empregados mediante prexubilacións a partir dos 58 anos e baixas incentivadas, aínda que os detalles están suxeitos ao proceso de negociación, que comezará formalmente o próximo 16 de novembro.
Neste sentido, os sindicatos no ámbito estatal consideran que o axuste é "excesivo" e cren que hai "máis percorrido" no ámbito das recolocacións, así como para rebaixar a idade de prexubilación formulada inicialmente.
Escribe o teu comentario